«Queremos deixar atrás o aire rancio e clasista doutro tempo»

MONFORTE DE LEMOS

Loreto González Cabana na entrada do local da sociedade que preside
Loreto González Cabana na entrada do local dá sociedade que preside CEDIDA

A nova directiva do Ateneo Casino de Monforte, presidida por Loreto González Cabanas, está á espera de que mellore a situación sanitaria para iniciar as actividades previstas para este ano

27 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

María Loreto González Cabanas preside desde o ano pasado a xunta directiva do Ateneo Casino de Monforte de Lemos, unha veterana sociedade que se chamou ata hai pouco Casino Ateneo. Debido ao agravamento da situación sanitaria, a entidade tivo que cancelar recentemente as primeiras actividades culturais que tiña programadas para este ano.

-A directiva que preside púxose á fronte da sociedade nunha época moi complicada.

-En realidade a nova directiva quedou constituída en febreiro do ano pasado, pero a pandemia non nos permitiu ata agora organizar actividades abertas ao público. A alarma sanitaria declarouse pouco despois de que nos fixésemos cargo da sociedade e no verán decidimos non organizar nada porque moita xente sae de Monforte nesa época e habería pouco público. Agora estamos á espera de que a situación se normalice un pouco para poñer en práctica os nosos proxectos. Temos previsto facer moitas cousas e sobre todo temos moita ilusión.

-Que vai caracterizar a nova época do Ateneo Casino?

-Un aspecto fundamental será a potenciación das actividades culturais, algo que cremos que é moi necesario en Monforte. De aí o cambio de nome. Puxemos en primeiro lugar a palabra Ateneo precisamente para resaltar ese carácter cultural. En tempos esta sociedade organizaba moitas actividades, pero co paso dos anos acabou sendo só un lugar para reunirse e charlar un pouco, tomar un café, xogar as cartas, ler os xornais... Queremos que recobre o seu papel como centro cultural, pero cunha mentalidade moderna e actual, deixando atrás ese aire digamos que un pouco rancio e clasista que tiña noutro tempo e que non ten lugar na sociedade de hoxe en día.

-Que tipo de actividades culturais pretenden potenciar?

-Temos un proxecto moi amplo e moi variado: cine, teatro, concertos, danza, presentacións de libros, coloquios, actividades de divulgación científica e do patrimonio da Ribeira Sacra... Este ano queremos contribuír tamén á promoción do Camiño de Inverno e conmemorar con varias actividades o décimo aniversario do Día das Letras Galegas dedicado a Lois Pereiro. Temos moitas ideas e moitas ganas de traballar, pero hai que esperar a que situación sanitaria mellore.

-E en canto ao ocio e á vida social?

-Tamén queremos facer moitas cousas nese terreo, porque sempre foi algo moi importante nesta sociedade e pretendemos que o siga sendo. Pensamos organizar bailes, torneos de xogos de mesa, actividades para nenos e familias... E ademais queremos colaborar coas outras sociedades que hai en Monforte: o Círculo Victoria, La Fraternal e o Club Fluvial.

-Con cantos socios conta actualmente o Ateneo?

-Agora deben ser en torno a 210. Nos últimos meses inscribíronse moitos socios novos e case duplicamos o número que había cando tomamos a dirección, que andaba máis ou menos entre 120 e 130. Esperamos que se apunte máis xente e sobre todo que os socios se impliquen e participen nas actividades que se organicen. Neste momento estamos terminando de repartir os novos carnés, que consisten nunha tarxeta que ademais de servir para identificar aos socios, permitiralles activar un dispositivo para abrir a porta exterior do local e acceder ás salas que estean abertas cando non haxa actividades culturais ou doutro tipo. Por outro lado, o Ateneo seguirá tendo un servizo de cafetería que pode ofrecer comidas a grupos pequenos previo encargo.