Os plenos volven celebrarse en Monforte por vía telemática

MONFORTE DE LEMOS

Captura de pantalla de un pleno celebrado por vía telemática en abril de este año
Captura de pantalla dun pleno celebrado por vía telemática en abril deste ano CEDIDA

O alcalde comunica aos portavoces que está descartado case ao cento por cento que a sesión do luns sexa presencial

21 oct 2020 . Actualizado ás 12:54 h.

A corporación de Monforte volverá celebrar os plenos por vía telemática. Esa será a fórmula da que se bote man na sesión prevista para o vindeiro luns, tras o anuncio da Xunta sobre a limitación das reunións a un máximo de cinco persoas. A posibilidade de celebrar o pleno de forma presencial está descartada «case ao cen por ven», sinalou este mércores o alcalde, José Tomei, na comisión informativa na que se abordaron previamente os asuntos incluídos na orde do día.

Ás oito da tarde, hora prevista para o comezo da sesión, os concelleiros deberán estar diante dos seus computadores para activar as videoconferencias que lles permitirán debater e votar as propostas incluídas no pleno. O equipo de goberno avanzou a súa intención de aprobar as ordenanzas fiscais para o próximo exercicio, requisito previo para poder dar posteriormente o visto e prace aos orzamentos do 2021. Se se aproban en novembro, tal e como está previsto, poderán entrar en vigor a comezos de xaneiro.

En canto ás iniciativas da oposición, Esperta Monforte adiantou que exporá unha proposta para que se retome a redacción do plan xeral de urbanismo de Monforte. A solicitude preséntase, segundo detalla o texto, «tendo en conta que o PSOE de Monforte levaba no seu programa de urbanismo, no punto 6, ‘empezar os estudos e traballos previos de cara á elaboración do PXOM de Monforte».

A proposta que subscribe o concelleiro Germán Vázquez fai referencia ademais ao feito de que o alcalde «leva meses facendo fincapé na imperiosa necesidade de cumprir o programa polo que os monfortinos o elixiron nas últimas eleccións municipais».

Doutra banda, e na quenda de preguntas, o concelleiro do BNG Emilio Sánchez interesarase polo sucedido co proxecto do refuxio para cans cuxa construción en Monforte anunciara a Deputación no anterior mandato.