A importancia dos plenos

Katy Varela PORTAVOZ PP MONFORTE

MONFORTE DE LEMOS

16 may 2020 . Actualizado ás 14:12 h.

En canto decretouse o estado de alarma en España, debido á crise sanitaria provocada polo covid-19, a primeira medida que tomou o alcalde de Monforte, o socialista José Tomei, foi ditar un decreto polo cal suspendía as reunións periódicas dos órganos colexiados do Concello, entre elas as sesións ordinarias do pleno municipal.

No Concello de Monforte está establecida unha reunión ordinaria do pleno todos os meses. Neste tipo de sesións os grupos da oposición poden presentar mocións, rogos e preguntas. A través dos rogos, trasladamos ao alcalde os requirimentos máis cotiáns dos cidadáns. Coas mocións, propomos ao pleno a aprobación de iniciativas que creemos convenientes e necesarias para o presente e o futuro do municipio. Coas preguntas, solicitamos información sobre aspectos concretos da xestión do alcalde e do seu equipo de goberno, que teñen a obrigación de respondelas. Xa que logo, é fundamental recuperar a celebración das sesións plenarias ordinarias para garantir o xogo democrático. Ningunha norma impide ao alcalde nestes momentos a convocatoria de plenos ordinarios.

A volta á normalidade democrática no Concello de Monforte é fundamental desde o punto de vista da participación e o control do goberno municipal. Sen plenos ordinarios, non só non podemos cuestionar ou requirir ao alcalde, se non que ademais o cidadán non pode asistir aos debates nin participar dos plenos como lle permite a lei. Son dereitos que se non podemos exercelos non é debido a unha imposibilidade legal derivada da pandemia: débese única e exclusivamente a que o alcalde non quere convocar plenos ordinarios.

Quero concluír cun chamamento ao alcalde: señor presidente da corporación, devolva a normalidade democrática ao Concello e permita que os cidadáns poidan participar, agora máis que nunca, na toma das decisións que afectan o presente e o futuro do municipio de Monforte.