«Levamos 37 anos vindo ao San Mateo, non imos faltar só porque chova»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

CARLOS CORTÉS

Monforte celebra hoxe a súa romaría máis grande na parroquia da Parte

20 sep 2019 . Actualizado ás 20:19 h.

«Vimos dende o ano 1980 sen faltar nin unha soa vez». Andrés Somoza Blanco ten 74 anos e moitos san mateos amais como para asustarse por unha mala predición meteorolóxica. Onte pola tarde traballaba cuns amigos na montaxe do posto no que comerán na romaría do 21 de setembro na Parte, a maior festa campestre que se celebra en Monforte.

Emilio González e Julio Rodríguez, os dous de 67 anos, traballaban con Andrés este xoves para darlle os últimos retoques ao seu posto. Forman parte dunha cuadrilla de amigos de Ribas Altas e o barrio do Morín que levan nada menos que 37 anos acudindo ao San Mateo de xeito ininterrompido. «Despois de tanto tempo, non imos faltar porque chova», di Emilio. Non sempre son os mesmos, pero nunca baixan de doce e habitualmente tampouco pasan de vinte. Este ano van ser catorce. O tenderete que montaban parece robusto, así que pode chover que eles van xantar a cuberto.

Andrés Somoza, Emilio González e Julio Rodríguez, este xoves traballando na montaxe do seu posto
Andrés Somoza, Emilio González e Julio Rodríguez, este xoves traballando na montaxe do seu posto CARLOS CORTÉS

As predicións do tempo non son optimistas, e todo apunta a que este sábado en Monforte vai chover. As probabilidades de auga soben ata o 90% a partir das seis da tarde. De maneira que este ano vai ser especialmente importante ter un sitio a cuberto no que se resgardar. A pesar diso, onte pola tarde non parecía que as montaxes de postos deste ano sexan moito máis robustas do que habitualmente. Iso si, a pesar dos malos augurios meteorolóxicos, practicamente todos os lugares dispoñibles ao redor do campo da festa da parte estaban xa reservadas a primeira hora da tarde deste venres.

Pero non todos son inmunes á ameaza de choiva. Algún grupo dos habituais nos últimos años xa decidiu facer a festa máis a cuberto que debaixo dun simple toldo de plástico. É o caso da empresa Alcor Seguridad, que nos últimos tempos acostumaba a estar presente no San Mateo con posto propio e moitos comensais. Este ano tamén o van celebrar, pero por se acaso van facer a súa comida nunha nave do polígono industrial do Reboredo.