Outro verán máis sen albergue

CHRISTIAN RODRÍGUEZ / C. C. MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

CARLOS CORTÉS

O único proxecto en Monforte pospón a súa apertura ata a primavera do 2020

21 jul 2019 . Actualizado ás 17:20 h.

Monforte acabará o verán sen ningún albergue aberto, unha vez máis. Co Xacobeo case ao virar a esquina, a única iniciativa en activo na capital da Ribeira Sacra é a de José Carlos Costoya, quen anunciou en maio de 2018 a rehabilitación dunha vivenda para este fin na rúa Chamoso Lamas. O xoves, a futura xerente do negocio, Montserrat García, presentou o albergue durante clausúraa do cuarto viveiro de empresas de Monforte que tivo lugar no centro cívico.

Este albergue foi un dos finalistas do curso de seguimento para emprendedores que acolleu Expolemos durante os últimos seis meses. O proxecto someteuse ao asesoramento personalizado dos mentores para definir a liña do plan de negocio e puír as carencias que fixeron demorar a súa apertura. Montserrat García destaca «o nivel dos talleres era altísimo e os titores preocupáronse en todo momento por mellorar o proxecto».

O albergue chamarase Lemavos e prevé a súa apertura na primavera do 2020. Antes disto, os promotores estudarán a estratexia de comunicación e difusión, e definirán o plan financeiro da empresa. Estas tres cuestiones, finanzas, mercadotecnia e habilidades comunicativas, foron precisamente os tres eixos abordados no viveiro de empresas.

O proxecto tivo en orixe un orzamento de 50.000 euros, pois se contemplaba unha obra pequena na vivenda en propiedade do promotor. Agora prevese un aumento dos custos para cumprir coa normativa vixente. «Hai esixencias que encarecen o proxecto, como a de que unha parte do establecemento funcione a través de enerxías renovables», comenta a xerente.

O albergue tería unha capacidade para quince persoas, distribuídas en tres cuartos con literas e unha dobre. Ademais da necesidade deste establecemento para o aloxamento dos peregrinos, Lemavos pretende dirixirse a un público máis amplo. tras detectar varios nichos de mercado. «Queremos ser unha opción para o turista low-cost ou con mascotas», di Montserrat García.

A principal mellora que se introducirá recae na comunicación cos posibles clientes coherente e ben definida. «Ponferrada sería un importante polo de difusión», conta García. A localidade é o punto de partida do Camiño de Inverno e unha das principais referencias de peregrinaxe a Santiago. Segundo a Oficina do Peregrino, 7.000 persoas emprenderon o camiño desde esta cidade o ano pasado.

O número de peregrinos que fixo o Camiño de Inverno en xuño descendeu levemente con respecto ao mesmo mes do ano anterior, pasando de 104 a 87. A renacida ruta segue sendo elixida por menos do 1% de camiñantes, segundo a Oficina do Peregrino, atraeu a 693 persoas en 2018. Montserrat García cre no seu potencial, xa que «é unha alternativa á masificación que sofre o Camiño Francés no verán».

A comarca máis atrasada

Á parte da consolidada infraestrutura de Quiroga, A Pobra do Brollón é a única localidade do sur lucense que ten un albergue de peregrinos na actualidade. O concello demoleu unha das bancadas do polideportivo municipal e instalou literas no seu lugar para adaptalo a este uso. Aloxarse no complexo é gratuíto e está situado no centro urbano, algo que os peregrinos agradecen. Os camiñantes poden aloxarse aquí durante todo o ano sempre que avisen previamente ao concello. Non obstante o concello solicitou ao Ministerio de Interior a cesión do antigo cuartel da Garda Civil para instalar alí un albergue, sobre a que aínda non tiveron resposta, confirma o alcalde, Xosé Lois Maceda. «A cesión do cuartel suporía unha solución definitiva», agrega Maceda. Pola súa banda, o técnico de cultura e turismo do municipio, Xosé Gago, engade que «este servizo público funcionará ata que algunha iniciativa privada interésese».

A falta de albergues en Terras de Lemos contrasta co asentamento destes aloxamentos no resto de comarcas do Camiño de Inverno. En Lalín e máis recentemente en Rodeiro, abríronse dous albergues privados. En Valdeorras, ademais do público da Rúa, as localidades de Vilamartín, Sobradelo e O Barco contan cun albergue privado cada unha. O Bierzo ten un albergue público desde 2017.

As finanzas e a difusión, os aspectos da iniciativa a mellorar