Carmen Carballada marca a diferenza

Tras xogar co equipo galego de fútbol, a deportista monfortina adestrará agora co de fútbol sala


monforte / a voz

Non puido ser. A futbolista do Calasancio Carmen Carballada non poderá cumprir o seu soño de disputar a fase final dun campionato de España. A selección galega sub-15, da que forma parte, quedou eliminada na fase intermedia do torneo nacional que se disputou este fin de semana en Santiago. Esta eliminación doe máis, tendo en conta que Galicia queda sen premio tendo recibido tan só un gol en contra e sen perder ningún encontro.

Na xornada inaugural, Galicia empatou (0-0) ante Castela A Mancha un partido no que tivo as súas opcións de gañar. O domingo, a selección autonómica tampouco puido pasar do empate (1-1) ante Aragón. No entanto, neste choque, o árbitro foi protagonista, xa que, segundo Carmen Carballada, sinalou un penalti en contra que non era, privando dese xeito ao equipo de levarse a vitoria.

No entanto, co 1-0 tampouco lle chegou a Galicia para clasificarse para a fase final, posto que necesitaba un 3-0. «Estou decepcionada, porque nos botan do campionato sen ter perdido ningún partido. O domingo merecemos gañar, pero o árbitro inventouse un penalti que non era en contra nosa, e iso condicionou o posterior desenvolvemento do partido e o resultado final», comenta a futbolista do Calasancio.

Titular indiscutible

Carmen Carballada tivo un papel moi relevante nestes dous partidos, nos que foi titular. Das súas botas naceron algunhas das mellores xogadas da selección galega. Unha vez máis, a xogadora monfortina marcou as diferenzas, circunstancia que fai que se estea convertendo nunha das futbolistas con maior proxección da categoría sub-15.

«No apartado individual estou contenta, porque xoguei de titular nos dous encontros, pero eu o que quería é que nos clasificásemos para a final. Haberá outra oportunidade», di Carballada.

A monfortina está a piques de cumprir os 14 anos, polo que aínda lle queda unha oportunidade para estar co combinado autonómico sub-15. A xogadora do Calasancio agradece aos técnicos a oportunidade que lle deron para xogar con Galicia. «É un orgullo defender a camiseta da túa comunidade. A experiencia resultou moi gratificante, porque continúo aprendendo e tamén fago amizades. Iso si, neste campionato demostrouse que ás veces o fútbol é moi inxusto», asegura Carmen Carballada.

Agora, a monfortina xa pensa no Calasancio. «Imos competir ao máximo para conquistar a permanencia», di.

O talento e a calidade que atesoura Carmen non pasa desapercibida para os adestradores da Federación Galega de Fútbol. Practicamente sen desfacer a maleta, a nova promesa local foi convocada a un adestramento da selección autonómica de fútbol sala, que está preparando o campionato de España que se disputará a finais de marzo.

«Estou moi contenta de que me chamaron, e vou adestrar a lume de biqueira para poder estar na selección definitiva que xogará este torneo», conclúe.

Carmen xa disputou tres campionatos de España de fútbol e espera estrearse no de fútbol sala.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
0 votos
Comentarios

Carmen Carballada marca a diferenza