O Goberno cifra nun 96,1% o aumento do investimento en Lugo para o ferrocarril

Luis Díaz
Luis Díaz MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Os orzamentos estatais destinan 8,8 millóns de euros para a renovación de variantes ferroviarias no 2019

22 ene 2019 . Actualizado ás 12:10 h.

O investimento en ferrocarril en Lugo crece un 96,1% con respecto ao pasado ano na proposta de Orzamentos do Estado. O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, achega este dato nun balance das actuacións previstas polo Executivo socialista nesta provincia. Na desagregación de investimentos para o 2019 figuran 8.800.000 euros asignados ao ADIF para a renovación de variantes ferroviarias na liña Monforte-Lugo. Tamén aparecen 5.100.000 euros baixo a epígrafe de «electrificación da liña Monforte-Lugo».

Entre as partidas de Fomento hai consignados, por outra banda, 3.370.000 euros para as obras da A-56 (autovía Lugo-Ourense) entre A Barrela e San Martiño, xa dentro da provincia de Ourense. O ministerio reserva ademais 422.000 euros para avanzar no proxecto do tramo da A-76 (autovía Ponferrada-Ourense) identificado como «circunvalación de Monforte». O investimento en estradas na provincia segue na liña do 2018, segundo indica o delegado do Goberno.

En conxunto, e segundo a valoración de Javier Losada, o investimento estatal crece na provincia un 18,24% respecto ao 2018. «Imos seguir traballando para reverter a parálise que sufriu Lugo nos últimos anos, con anuncios de investimento sobre o papel que nunca se facían realidade», afirma o delegado do Goberno.

De acordo coa súa valoración, son uns orzamentos «realistas» que na repartición do gasto público exponse pór freo «ás políticas regresivas e antisociais do Partido Popular».