O frío atrasa o final da restauración de San Vicente do Pino

MONFORTE DE LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

As baixas temperaturas impediron fraguar os morteiros cos que se protexerá o exterior da igrexa

22 ene 2019 . Actualizado ás 11:09 h.

Na igrexa monfortina de San Vicente do Pino continúan levar a cabo as obras de restauración das fachadas exteriores que empezaron en agosto do ano pasado, aínda que en principio se prevía que nestas datas xa estivesen rematadas ou a piques de acabar. O motivo do atraso -segundo explica César Carneiro, delegado da patrimonio histórico da diocese lucense- é o frío intenso que se rexistrou na cidade nas últimas semanas, que obrigou a interromper unha parte dos traballos. «Os morteiros que se usan para reparar as fachadas non fraguan ben coas baixas temperaturas, sobre todo se chegan a cinco graos baixo cero, e por iso houbo que parar as obras e esperar a que mellorase un pouco o tempo», sinala.

Os responsables do plan de rehabilitación do histórico edificio agardan que os traballos poidan concluír no que queda de mes, aínda que iso dependerá das condicións meteorolóxicas dos próximos días. Na actualidade xa remataron as operacións de limpeza e impermeabilización da metade da fachada sur do edificio, da que se retiraron as estadas que a cubriron durante os últimos meses. As obras continúan agora na outra metade desta mesma fachada, así como na principal e no exterior da cabeceira do templo. Por outra banda, os traballos de rehabilitación que se realizan na fachada principal da igrexa -orientada ao leste- son diferentes dos que se realizan en fachada sur.

Granito e lousa

A primeira destas fachadas está construída con sillares de granito e non presenta o mesmo grao de deterioración que a outra, que está feita en gran parte de lousa e sofre un forte desgaste e numerosas filtracións de auga. Con todo, necesita unha limpeza xeral e a reposición do encintado dos sillares e o morteiro das cornixas, a fin de impedir a entrada de humidade. Doutra banda, nesta fachada crecera unha importante cantidade de vexetación -incluíndo unha árbore- que debe ser retirada.

Unha vez que teñan rematado os traballos que se están executando na actualidade, o último paso consistirá en revestir a fachada sur dunha capa de pintura especial que axude a frear as filtracións de auga e que proporcione unha coloración uniforme aos muros. A tonalidade desta pintura, indica César Carneiro, non será moi diferente de que se pode apreciar agora na parte da fachada sur que xa está libre de estadas.

Na imaxe sobre estas liñas, un aspecto das obras que se realizan actualmente na fachada este de a igrexa, onde se atopa a porta principal.