Responder a tempo

Alba Fernández Revaldería PSICÓLOGA DO CENTRO DE ALBORES

MONFORTE DE LEMOS

16 ene 2019 . Actualizado ás 11:11 h.

Os problemas de saúde mental, do mesmo xeito que calquera outra doenza de tipo físico, necesitan de atención profesional especializada para paliar o sufrimento que xeran. Esta atención debe ser rápida, eficiente e coordinada, e débense mobilizar de entre todos os recursos que temos dispoñibles, aqueles que resulten máis adecuados para cada caso. Isto é importante debido a que, como en calquera outro ámbito máis aló da saúde mental, do modo en que se responda ante unha necesidade dependerá que o problema se resolva dun xeito adecuado ou pola contra se complique ou se cronifique.

Cando esta resposta falla ou se demora no tempo, hai consecuencias. O problema empeora, agrávase… e en moitas ocasións a forma de resolvelo tamén se vai facendo máis complexa. No caso das enfermidades mentais, sobre todo se falamos de enfermidades mentais graves, unha atención inadecuada implica un agravamento de síntomas que pode levar a unha situación na que a persoa non sexa capaz de manter un funcionamento normal que doutro xeito si sería capaz de conservar. Isto fai que a persoa poida comportarse dun xeito diferente ao que é habitual nela cando está estable, chegando a facer cousas que aos demais lles resultan estrañas, inapropiadas ou que xeran alarma social.

Nestes casos, téndese a responsabilizar á persoa ddos seus actos sen ter en conta que a comprensión dos mesmos e a súa intención poden verse alteradas. Nestas situacións, a responsabilidade vai máis aló do propio individuo acadando unha dimensión colectiva, ante a que o sistema debe ser capaz de dar unha resposta adecuada ás demandas e necesidades que se lle presentan.

Requírese que tanto a familia como a comunidade participen dando a voz de alerta ante casos de desatención ou resposta insuficiente, en lugar de mirar cara a outro lado agardando que sexa outro o que se ocupe de resolver o problema.