Roberto Eireos estará nas eleccións de maio, pero co PP de Pantón

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE

MONFORTE DE LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Confusión sobre a decisión final da comisión electoral de Monforte, que onte volvía reunirse

11 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Roberto Eireos será candidato nas eleccións municipais de maio, pero non en Monforte, senón en Pantón. Integrarase de novo na lista que prepara o actual alcalde, o popular José Luis Álvarez. Mentres tanto, o envurullo crece no PP de Monforte. Onte á noite reuníase de novo a comisión electoral. Só unhas horas antes, a dirección provincial anunciaba que tomaba nota de que a comisión non lograra ningún nome para encabezar a candidatura electoral do PP monfortino e anunciaba que buscará a mellor solución posible.

A pesar de que o pasado mes de decembro tanto Julia Rodríguez, a actual portavoz municipal do PP, como Roberto Eireos, o preferido da dirección provincial para tratar de sumar votos en Monforte nas eleccións de maio, anunciaron publicamente a súa renuncia a presentarse, o certo é que nas últimas semanas os dous soaban outra vez como posibles candidatos. Con todo, este luns a comisión electoral formada para tratar de resolver a crise interna do PP monfortino comunicou á dirección provincial que non lograra o seu obxectivo de acordar unha proposta de candidato.

En vista diso, o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, decidiu deixar de agardar e confirmou á dirección provincial que está disposto a presentarse de novo. E que ten intención de contar con todos os seus concelleiros, Roberto Eireos incluído.

A proposta aínda ten que ser ratificada polos órganos internos do partido, pero ninguén dubida de que José Luis Álvarez será o encargado de tratar de revalidar a maioría absoluta do PP en Pantón. Roberto Eireos volverá así a ser candidato popular, nalgún lugar da candidatura desta formación política en Pantón por detrás do número uno.

O alcalde de Pantón estaba atrasando o anuncio sobre a súa decisión de volver presentarse á espera de que se aclarasen as cousas no PP de Monforte. Se Eireos aceptaba encabezar a lista monfortina, ou integrarse nela en calquera outro lugar, entón el non podería levalo na súa. Despexada esa incógnita, o rexedor de Pantón xa se ve coas mans libres.

Confusión en Monforte

Moito menos clara parece a situación do PP de Monforte. O desenlace das deliberacións da comisión electoral está a resultar en grao sumo confuso. Este organismo interno púxose en marcha a principios de decembro por iniciativa da executiva local de Monforte e co visto e prace da dirección provincial do partido, que trataba así de apagar o incendio provocado entre parte da militancia local cando se soubo que tiñan intención de promover a substitución como candidata de Julia Rodríguez para situar no seu lugar a Roberto Eireos.

É un organismo previsto nos estatutos internos e as súas funcións son designar unha candidatura para que a executiva provincial a ratifique. A principios desta semana, a comisión comunicou aos responsables provinciais do partido que non lograran atopar un cabeza de lista. E engadían que Roberto Eireos non era a persoa apropiada para ese posto.

A reunión de onte á noite chega xa que logo cando se supuña que a comisión xa rematara o seu traballo. Ao parecer, no último momento Julia Rodríguez entregou na comisión unha carta na que se ofrece como candidata para tratar de desbloquear a situación. Na súa reunión de onte, os oito integrantes da comisión debatían como pechar definitivamente o proceso. Entre eles está a propia Julia Rodríguez, con militantes con experiencia como José Antonio Rodríguez, avogado e exconcelleiro que actúa como coordinador da comisión; ou como Manuel López Eiriz, que foi candidato á alcaldía nas eleccións do 2004.