Persoas clínex

Alejandro Sousa

MONFORTE DE LEMOS

15 novs 2018 . Actualizado ás 18:42 h.

ristemente, as relacións entre as persoas son cada día mais superficiais e interesadas. Resulta mais doado substituír a quen xa non nos é útil que intentar solucionar os problemas existentes. Esta actitude provoca unha crecente fraxilidade nos lazos e vínculos humanos.

Cando era neno, moitas veces vin ao meu pai «asinar» contratos cun apertón de mans. Esa idea sempre foi un referente na miña vida. As relacións persoais eran de maior calidade e existía un maior compromiso entre as persoas. Por desgraza, hoxe vivimos nunha sociedade de «usar e tirar» onde todo se volveu absolutamente efémero.

Evidentemente, as empresas existen para gañar diñeiro e os partidos políticos para gañar eleccións. Os partidos sempre ficharon ás súas cabezas de lista pola súa capacidade de caer ben e sacar mais votos. O problema radica en que non é ético refugar con desprezo a unha persoa que se deixou a pel traballando polo teu partido.

A Julia Rodríguez rogáronlle fai oito anos que tomase as rendas do partido porque sabían da súa capacidade de traballo e bo facer. Abandonou unha vida de éxito persoal e profesional para liderar o partido sabendo que lle custaría gañar menos diñeiro e ter menos tempo para a súa familia. Durante estes anos foi a concelleira mais seria e traballadora que pasou por este Concello. As súas críticas eran sempre rigorosas e baseadas no estudo detallado de todos e cada un dos documentos do concello. Non deixaba ningún papel sen estudar e coñecía o valor xurídico de todas as decisións que a corporación local tomaba, moitas veces de forma errónea, superficial ou partidista.

Con todo, aquí só interesan os votos. Quizais a estrita forma de actuar de Julia respecto do que está ben e o que non, fai que aos votantes non lles resulte unha cara simpática a quen votar. Quizais porque Julia non mentía e só prometía o que estaba segura de poder cumprir, a súa mensaxe non era tan doce como o doutros.

É lícito que un partido busque un líder capaz de gañar eleccións, pero non que se substitúa a unha persoa con nocturnidade e aleivosía. Que teña que decatarse do seu cesamento polas penosas insinuacións dun alcalde doutro partido, é realmente humillante para quen actuou con lealdade, rectitud e traballo infinito. Pero o que máis me doe é que deron a entender que Julia se aferraba ao cargo, cando iso nunca foi así. Sempre estivo a disposición do partido e sempre tivo a porta aberta a recibir criticas ou cambiar aquilo que non funcionase.

Actuar ás costas dunha persoa boa e traballadora, cravándolle un inmerecido coitelo nas costas, non é a forma coa que debería actuar un partido contra a súa propia xente. Eu cría que o PP representaba os valores tradicionais. Con todo, vexo que xa se apuntou ao sistema de persoas «clínex» de usar e tirar.

Quizais iso sexa o que queiran os votantes, pero eu báixome deste carro.