Absolta a muller de Monforte acusada de intentar voar o seu piso con ela e os seus fillos dentro
MONFORTE DE LEMOS
Os xuíces dan por boa a versión da procesada: «Abriu o gas dous ou tres minutos e despois pechou a bombona»
19 oct 2018 . Actualizado ás 08:05 h.Non cabe dúbida de que abriu o gas con ela e os seus dous fillos de 6 anos e 15 meses dentro da casa. O que xa non está claro é para que o fixo, se para suicidarse e matar os nenos ou simplemente para chamar a atención e darlle un susto ao seu marido, como ela asegura. E ante a dúbida, os xuíces da Audiencia Provincial que dirixiron a semana pasada o xuízo contra a muller de Monforte acusada de intentar facer voar en setembro do 2009 o seu piso da avenida de Galicia decidiron absolvela.
A muller chegou ao xuízo cunha acusación de homicidio frustrado ás súas costas. A Fiscalía pedía para ela unha condena dunha ano de internamento vixiado por psiquiatras, e despois diso catro anos e medio de prisión, dous anos e tres meses por cada fillo. Sobre esta segunda parte da condena tería a decisión final o tribunal, que podería deixala en suspenso se consideraba que ao final do período de internamento psiquiátrico a muller xa non supuña un perigo para ela mesma ou para os seus fillos.
A favor da acusación estaban os testemuños dos tres policías que irromperon no piso despois de ser alertados polo marido, un home natural de Nixeria que non chegou a testificar no xuízo porque agora vive de novo no seu país natal. E tamén o texto da mensaxe que a muller lle enviou ao seu marido, que dicía en inglés que ía suicidarse e a matar os nenos para que el se sentise libre de facer o que quixese coa súa vida.
Sempre a mesma versión
En cambio a defensa, exercida pola avogada monfortina María Jesús González, agarrouse á versión que a muller sostivo en todo momento, tanto cando lle preguntaron na unidade de psiquiatría na que a ingresaron aquel día como no propio xuízo: que só fora unha bravata para chamar a atención do seu marido, do que levaba un tempo separada.
A procesada sofre un trastorno depresivo crónico de tipo neurótico, con trastorno límite da personalidade. Ademais, naquel momento estaba especialmente inestable polos seus problemas coa súa parella, por unha relación tormentosa coa súa nai e porque consumía cocaína e outras drogas.
Na decisión que finalmente adoptou o tribunal parece ter pesado moito a declaración dos tres policías que entraron no piso despois de recibir ás once e media da noite o aviso de que unha muller aseguraba querer suicidarse no seu piso cos seus fillos pequenos. Os axentes botaron a porta abaixo, porque despois de chamar ao timbre ninguén lles abriu nin contestou. Atopáronse á muller adormecida na cama cos seus fillos. E no atestado policial fixeron constar que pecharon o paso de gas aos fogóns da cociña, que estaban abertos, e abriron as fiestras, que estaban pechadas.
Con todo, no xuízo foron menos claros. Os tres coincidiron en que cheiraba moito a gas, mesmo desde o descansillo, e que por iso optaron por entrar á forza. Con todo, ningún dos tres lembra ter sido o que pechou os fogóns. Ademais, había polo menos unha fiestra que non estaba pechada, senón co cristal roto. Rompeuna ela mesma ese mesmo día ao pechala de forma brusca tras unha discusión a berros co seu marido, que estaba na rúa.
Sementou dúbidas
Iso sementou no tribunal a dúbida de se realmente a muller deixara os mandos da cociña abertos ou, como ela asegura, simplemente «abriu o gas dous ou tres minutos e despois pechou a bombona», como dixo a acusada durante o xuízo segundo a descrición que fai agora a sentenza. Ela insistiu a semana pasada na vista oral que só pretendía que queda cheiro a gas, non provocar ningunha explosión ou xerar tal concentración de butano que ela e os seus fillos puidesen morrer envelenados mentres durmían.