Morre en Monforte ao saltarlle unha punta á femoral cando cortaba madeira

La Voz MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Ana García

A vítima é Isidoro Castañer Puga, de 74 anos e ferroviario xubilado

21 may 2018 . Actualizado ás 08:15 h.

Un home morreu o sábado en  Monforte ao sufrir un accidente cando cortaba madeira nunha leira da súa propiedade. Trátase dun ferroviario xubilado que, segundo todos os indicios, desangrouse ao saír disparada unha punta que estaba cravada nunha das pezas que trataba de cortar.

A vítima é Isidoro Castañer Puga, de 74 anos, e ao parecer, non hai testemuñas do sucedido, porque o home estaba a traballar só nunha leira da súa familia situada na parroquia de Piñeira, a pouco máis dun quilómetro do centro urbano de Monforte. O aviso aos servizos de urxencia chegou ás dúas e media da tarde. A esa hora, a muller do falecido achegouse ata a leira desde a súa casa no centro urbano de Monforte, preocupada porque o seu marido tardaba demasiado en volver. Atopoullo no chan xa inconsciente, xunto á madeira e á serra radial que estaba a utilizar para cortar a leña. Tiña unha soa ferida nunha perna. Unha punta, probablemente lanzada pola serra, cortoulle a arteria femoral e provocoulle unha hemorraxia. O suceso causou unha forte conmoción en Piñeira e no barrio monfortino da Florida, no que vivía o matrimonio. Isidoro Castañer traballara como ferroviario e tiña un fillo e dous netos: Adrián, que é futbolista no Club Lemos, e Aitana, xogadora de voleibol do club Ribeira Sacra. O falecido será enterrado o luns no cemiterio de Monforte.