Dous feridos graves en accidentes de moto ocorridos en Monforte e Pantón

La Voz

MONFORTE DE LEMOS

Carlos Cortés

Os dous foron evacuados en helicóptero ao hospital de Monforte

20 sep 2017 . Actualizado ás 17:05 h.

Dous motoristas resultaron feridos de gravidade noutros tantos accidentes de tráfico ocorridos a última hora da mañá de hoxe en Monforte e en Pantón. Nos dous casos, as vítimas foron trasladados ao hospital de Ourense en helicóptero, despois de recibir sobre o terreo asistencia sanitaria de urxencia.

O primeiro destes dous accidentes, o de Pantón, produciuse á unha e cuarto na estrada que une Ferreira coa ponte sobre o Sil en Santo Estevo. Un veciño de Pantón de pouco máis de 40 anos que circulaba na súa moto en dirección a Ferreira sufriu unha caída cando pasaba polo lugar de Serode. Ao parecer, o accidentado viu que un coche trataba de saír dun garaxe directamente á estrada e ao tratar de frear ou manobrar para esquivalo, perdeu o control da súa motocicleta, que a pesar da caída apenas sufriu danos aparentes.

O segundo accidente ocorreu ás tres menos dez na estrada principal do polígono industrial do Reboredo, en Monforte. Neste caso, o ferido é un mozo de ao redor de 20 anos que vive en Monforte e traballa nunha das empresas do polígono. Trataba de saír do polígono en dirección a Monforte cando a moto se lle foi cara á súa esquerda, cruzou o carril contrario e caeu na cuneta. O ferido permaneceu consciente en todo momento.