Neve, auga e vento provocan múltiples trastornos na zona sur

Francisco Albo, X.R. Penoucos MONFORTE-LUGO / LA VOZ

FOLGOSO DO COUREL

La carretera que une Folgoso do Courel con Quiroga fue uno de los viales afectados por las nevadas
A estrada que une Folgoso do Courel con Quiroga foi un dos viarios afectados as nevadas CEDIDA

A caída dunhas árbores obrigou a cortar unha estrada no municipio de Carballedo

15 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A neve, o vento e a choiva que trouxo a borrasca causaron diversos problemas ao longo da xornada de onte no sur lucense. No municipio de Carballedo, cara ás cinco da tarde, o vento derrubou dous piñeiros de gran tamaño sobre a estrada que une A Barrela e Os Peares á altura da localidade de Veascós, atravesando a calzada dun lado a outro. Para restablecer o tráfico foi necesario cortar os troncos.

No municipio de Folgoso do Courel, doutra banda, as choivas xa provocaron o mércores pola tarde varios derrubamentos en barrancos de terra. Un deles cortou a subministración de auga no colexio público Poeta Uxío Novoneyra, na localidade de Seoane. Segundo indica a alcaldesa Dolores Castro, a avaría xa estaba arranxada onte. Por outra banda, as clases neste centro educativo foron suspendidas onte e hoxe, o que sucede tamén nos demais municipios da montaña lucense -catorce en total- nos que se emitiu unha alerta laranxa pola posibilidade de fortes nevadas. Polo mesmo motivo canceláronse unha visita que a deputada autonómica Raquel Arias tiña previsto realizar onte por mañá á «casa neno» de Folgoso do Courel e unha actividade de dinamización lingüística programada no colexio Ricardo Gasset do Incio.

No municipio de Folgoso do Courel, así mesmo, as máquinas quitaneves do Concello, a Deputación e a Xunta estiveron a circular desde a mañá para despexar as estradas situadas nas zonas altas da serra. Os maiores problemas rexistráronse en pártea norte do municipio, na contorna das localidades de Teixeira e Visuña, onde estivo a nevar toda a xornada. Na zona de Noceda, no mesmo sector do municipio, nevou pola mañá pero pola tarde só choveu. A neve tamén cubriu no Alto do Boi a estrada que une Folgoso do Courel con Quiroga. Aínda que ao longo do día houbo diversas dificultades no tráfico, ningunha localidade do municipio chegou a quedar illada.

Crecidas nos ríos

Doutra banda, as intensas choivas caídas durante a xornada de onte e as anteriores fixeron aumentar considerablemente o caudal dos ríos en todo o sur da provincia. A subida do nivel da auga fíxose especialmente patente no tramo urbano do Cabe -en Monforte-, na Asma ao seu paso por Chantada e en diversos tramos dos ríos Lor e Lóuzara, no Courel.