O geoparque, a favor do barranquismo sostible

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

FOLGOSO DO COUREL

CEDIDO

A entidade defende esta práctica ante a próxima celebración dunhas xornadas de descenso de canóns

10 oct 2019 . Actualizado ás 13:41 h.

O municipio de Folgoso do Courel acollerá entre o 9 e o 10 de novembro a edición número vinte e nove do Campamento Galego de Descenso de Canóns, organizado pola Federación Galega de Espeleoloxía. Na iniciativa colabora o geoparque Montañas do Courel, que promove esta actividade con iniciativas como a recente publicación dunha guía de barranquismo deste territorio que foi publicada o pasado xuño, coincidindo coa celebración dun encontro de barranquistas. Aproveitando a próxima celebración do referido campamento, a entidade sinala que promove un tipo de barranquismo sostible e respectuoso co medio natural, e engade que esta actividade conta co beneplácito da Unesco, que ampara a rede internacional de geoparque á que pertence o de Montañas do Courel.

A necesidade de efectuar estas aclaracións -apuntan desde o geoparque- débese a que nos pasados meses circularon polas redes sociais diversas críticas e comentarios que cualificaban a práctica do barranquismo como prexudicial para o medio natural do territorio e afirmaban que a Unesco non daría o visto e prace a estas iniciativas. «Cando viñeron os auditores da Unesco asistiron precisamente a unha xornada de iniciaciación ao barranquismo que se celebrou por esas datas e valoraron de forma moi positiva a maneira en que se están promovendo estas actividades», indica a este respecto Ramón Vila, responsable do museo municipal de xeoloxía e paleontoloxía de Quiroga.

Necesidade de permisos

Doutra banda, os responsables do geoparque apuntan que todas as áreas habilitadas para a práctica do descenso de canóns neste territorio pertencen a áreas incluídas na Rede Natura. Por iso -indican-, todas as actividades de barranquismo e espeleología que se organizan nestes espazos deben contar obrigatoriamente cun permiso previo da Xunta. «Non é de ningún modo unha actividade descontrolada, senón unha prática regulada, porque cada vez que alguén quere baixar por un barranco ou entrar nunha cova é preciso que pida unha autorización oficial e que indique os sitios que pretende visitar e todo o que está previsto facer», comenta Vila, quen apunta así mesmo que as actividades deste tipo tamén levan a cabo de forma habitual noutros geoparques da Unesco, como o de Arouca, en Portugal.

A guía de barranquismo editada por iniciativa do geoparque Montañas do Courel está a ser distribuída actualmente nas oficinas de turismo, albérguelos e diversos locais de hostalería do territorio. A sección dedicada ao descenso de barrancos na páxina web da entidade inclúe unha serie de recomendacións para coidar a contorna natural e sinala a necesidade de solicitar permisos para realizar estas actividades e de respectar en todo momento as normas de uso vixentes.

Charla sobre xeoloxía e talleres de técnicas de seguridade

O campamento de barranquismo da Federación Galega de Espeoloxía terá un límite de cincuenta prazas. O prazo de inscrición estará aberto ata o 4 de novembro. Os interesados poden apuntarse escribindo ao correo m.carames\hotmail.com e informarse na web da asociación organizadora. O prezo da inscrición é de vinte euros para barranquistas federados e de corenta para os demais participantes.

O programa comprenderá unha conferencia do geológo e espeleólogo Daniel Ballesteros, membro do comité científico do geoparque, quen falará sobre a xeoloxía dos canóns e barrancos da serra. Durante as xornadas, así mesmo, impartiranse talleres formativos sobre dúas técnicas de seguridade aplicadas actualmente no descenso de barrancos.

 

cinco sectores diferentes

O a serra do Courel existen actualmente cinco sectores habilitados para o descenso de barrancos, formado cada un por varias rutas, que reciben respectivamente as denominacións de Seceda, Folgoso, A Seara-Ferramulín, Soldón e Campodola. As actividades programadas dentro do campamento galego de barranquismo estarán repartidas por estes sectores. Á dereita, un descendo no arroio Carballido, pertencente ao sector de Folgoso