Instalarse no Courel, un desafío que poucos conseguen superar

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

FOLGOSO DO COUREL

CARLOS RUEDA

A maioría das familias que se estableceron na serra nos últimos anos acabaron por mudarse

18 feb 2019 . Actualizado ás 21:20 h.

Os alumnos do colexio Poeta Uxío Novoneyra, do municipio de Folgoso do Courel, preparan un estudo sobre as familias procedentes doutras localidades que se instalaron nos últimos anos na serra. Segundo indica a profesora Lourdes González, que coordinará este traballo, a investigación porá de manifesto os problemas que afrontan estas persoas, que na súa maioría acabaron por renunciar e por mudarse a outros lugares. «Temos contabilizadas unhas trece familias que intentaron establecerse no Courel e delas só unha segue vivindo hoxe no municipio», explica.

Esta familia é a da parella formada por Pilar Veiga e Pedro Romeo -procedentes de Lugo e A Estrada, respectivamente-, que se instalaron coa súa filla hai unha década en aldea de Hórreos, anteriormente deshabitada durante moito tempo. Polo momento non teñen intención de irse, aínda que neste tempo hanse atopado con importantes dificultades. Empezaron criando ovellas e cabras, pero deixaron esta actividade por non resultarlles rendible. «A gandería non nos funcionou porque non tiñamos experiencia previa neste sector e nos cursos aos que asistimos falaban sobre todo de vacas, non de cabras e ovellas», explican. «Ademais, o gando que nos venderon era de mala calidade e pagamos a nosa inexperiencia», engaden. Na actualidade viven de desempeñar pequenos traballos.

A familia non descarta volver criar gañado, pero apuntan que para iso é preciso que a localidade teña máis veciños. Hoxe en Hórreos só hai dúas casas habitadas e os propietarios da outra acoden á aldea unicamente as fins de semana. «Criar animais só é posible se contas coa axuda doutras persoas, porque en caso contrario practicamente non podes saír de aquí en todo o ano», di Pilar Veiga. Doutra banda, a familia lamenta as poucas oportunidades que ten a súa filla, como outros nenos que viven no municipio, en canto ás relacións sociais e o lecer. «Excepto o colexio e as actividades que organiza a anpa, aquí case non hai nada para os nenos», sinala.

Outra parella, a formada por David Rodríguez e Sonia García, viviu coas súas dúas fillas durante uns anos en Froxán, localidade natal dunha avoa do primeiro. Na actualidade a familia reside en Cataluña. Aínda que valoran a experiencia vivida no Courel pola relación coa contorna natural e o trato próximo cos veciños, acabaron por marcharse debido, por unha banda, á dificultade que supuña conseguir traballo. «Ao principio fomos tirando entre o paro que cobraba a miña muller e algúns pequenos proxectos que fun atopando», explica David, que é arquitecto de profesión. «Pero despois a necesidade de achar unhas ocupacións máis estables levounos a buscar outro lugar onde houbese unha maior oferta», engade.

Illamento dos nenos

Aos problemas laborais -di doutra banda Rodríguez- sumábase a dificultade con que se atopaban as súas fillas para relacionarse con outros nenos nun municipio tan afectado polo envellecemento demográfico. «Cando as nenas eran pequenas tíñanse a unha á outra, pero ao crecer necesitan un pouco máis de amizade e relacións, e no Courel é difícil atopar iso fose do colexio», comenta. Os problemas de acceso aos servizos, como a atención sanitaria, tamén pesaron á hora de marchar. «Ás veces faise moi duro, sobre todo no inverno, cando hai que moverse moitos quilómetros por estradas con xeo e neve, ou ir a Quiroga ou Monforte para conseguir cousas básicas», conclúe.

«Os de fóra queren ir alí e os de alí queren irse»

O escritor e profesor Séchu Sende, que fai uns quince anos rehabilitou unha casa na serra do Courel -no municipio de Quiroga- é unha das persoas que residen na zona de forma temporal. Na súa opinión, as dificultades con que se atopan quen pretenden instalarse neste territorio «son un síntoma da falta de interese das administracións por protexer O Courel». Para fomentar a creación de emprego e atraer xente nova -ao seu xuízo- sería necesario «que se investise en proxectos de desenvolvemento propios do século XXI, como podería ser a creación dun parque natural, porque este territorio non se poderá manter moito tempo se segue dependendo case exclusivamente da minería extractiva».

Sende apunta por outra banda que «en Europa hai territorios aillados e dependentes que conseguiron desenvolver outras actividades económicas e elevar o seu nivel de vida», pero -agrega- «no Courel isto non sucedeu porque non hai interese nin vontade política para fomentar novas fontes de emprego e para apoiar a xente que, ademais da falta de oferta laboral, ten que enfrontarse a eivas como a escasez de servizos médicos e o mal estado das estradas». A conservación dos valores naturais da serra, di o escritor doutra banda, «non poderá ser posible sen a xente, porque é a presenza humana a que os mantén vivos».

Os veciños de Hórreos pensan tamén que as administracións públicas deberían potenciar máis o aproveitamento dos recursos propios da serra para crear emprego e ofrecer máis oportunidades a xente nova que podería estar interesada en instalarse neste territorio. «Por exemplo, creo que se deberían poñer máis medios para apoiar a produción de castañas e a creación de cooperativas», opina Pilar Veiga.

David Rodríguez apunta doutra banda que durante a súa estancia no Courel notou que «a xente nova que naceu e creceu alí está a desexar marcharse a outros lugares onde poidan ter máis oportunidades de atopar traballo, de contar con servizos de todo tipo e de mellorar os seus concodiciones de vida». As súas fillas -di- «lembran como algo moi positivo o tempo que pasaron en Froxán e sempre están a querer volver, pero está claro que aos que viviron sempre no Courel non lles ocorre o mesmo». O problema -engade Rodríguez- «é que a moitos dos que son de fóra gustaríalles vivir nesas terras polo seu gran atractivo e por toda as cousas positivas que teñen, pero o que si son de alí non o ven igual e non pensan máis que en marcharse».