Activan un plan de convivencia entre homes e osos no Courel

Efe

FOLGOSO DO COUREL

Andoni Canela

Veciños e apicultores da localidade viaxarán o vindeiro mércores ao Parque Natural de Somiedo para «coñecer de primeira man as experiencias dos axentes locais»

11 may 2018 . Actualizado ás 11:05 h.

A Fundación Ouso Pardo activou as accións programadas dentro do proxecto Life Oso Courel, co que pretende fomentar a aceptación da presenza do oso entre a poboación local e previr posibles conflitos derivados do asentamento dos plantígrados nesa zona da provincia de Lugo, para favorecer a longo prazo un aumento da súa poboación.

Veciños e apicultores do Courel viaxarán o vindeiro mércores, 16 de maio, ao Parque Natural de Somiedo, en Asturias, da man da Fundación Ouso Pardo, para «coñecer de primeira man as experiencias dos axentes locais e dos empresarios» dunha zona recoñecida pola presenza de plantígrados que inciden «positivamente na poboación e no territorio».

Segundo a Fundación Ouso Pardo, a esa xornada informativa está previsto que asistan apicultores, gandeiros e outros profesionais dos municipios de Quiroga , Folgoso do Courel, Samos, Triacastela, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro, integrados no espazo Ancares-Courel, da Rede Natura 2000.

Este encontro enmárcase dentro das accións programadas no proxecto Life Oso Courel, coordinado pola Fundación, entre cuxos obxectivos se atopa fomentar a aceptación da presenza do oso entre a poboación local mediante accións de sensibilización, coa participación de axentes que son «clave» dentro do territorio.

Búscase, así mesmo, «a prevención e solución dos posibles conflitos que poidan derivarse da nova presenza de exemplares na Serra do Courel».

En realidade, aclara a Fundación, o «obxectivo xeneral do proxecto», non é outro que «favorecer a viabilidade a longo prazo da poboación cantábrica do oso, facilitando a súa expansión e incrementado a súa área de distribución».

No proxecto Life Oso Courel participan tamén a Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Custodia do Territorio, co apoio da Fundación Biodiversidade e Gas Natural Fenosa.