Chantada despide ao escultor afeccionado Gumersindo Rivera

CHANTADA

Gumersindo Rivera junto a una de sus esculturas, en una imagen tomada en el 2010
ROI FERNANDEZ

Veciño da parroquia de Pesqueiras, era moi coñecido polos traballos que realizou cunha peculiar técnica desenvolvida por el mesmo

16 ene 2020 . Actualizado ás 08:59 h.

No cemiterio de Santa María de Pesqueiras recibiu onte sepultura Gumersindo Rivera Fernández, escultor afeccionado e antigo pedáneo desta parroquia, que faleceu en Vigo o pasado luns aos 93 anos de idade. Veciño do lugar da Chabola, agricultor e gandeiro de profesión, Gumersindo Rivera era coñecido polas numerosas esculturas que realizou cunha técnica desenvolvida por el mesmo e que poden verse no exterior da súa vivenda e nas dalgúns veciños. Segundo explicou nunha entrevista publicada neste diario en novembro do 2010, para realizar as súas esculturas elaboraba primeiramente un modelado en arxila. Despois recubría as figuras con escaiola e enchía o baleirado con cemento, para despois darlles cor. Entre as súas esculturas abundan especialmente as figuras humanas e animais. Realizou tamén un conxunto dedicado á coñecida Muiñeira de Chantada. Rivera non cobraba polo seu traballo cando realizaba esculturas por encargo doutras persoas e só pedía o custo dos materiais que empregaba. O Concello de Chantada dedicoulle unha homenaxe polo seu labor artístico en 1990.