Doce municipios da Ribeira Sacra perden viñas e en 14 anos suman 150 hectáreas menos
CHANTADA
Un terzo da superficie que se abandonou nese período está en Chantada
16 oct 2019 . Actualizado ás 10:25 h.As sesenta hectáreas que quere alugar Regina Viarum á comunidade de montes de Doade para plantar viñedos son o último dunha longa serie de proxectos impulsados polas principais adegas de Ribeira Sacra. Grandes e medianos produtores tratan de autoabastecerse de uva cada vez en maior medida. As estatísticas do consello regulador explican o seu interese. A pesar das novas plantacións realizadas nos últimos anos, algunha próxima ás cen hectáreas, a denominación de orixe perde viñas. Os doce municipios nos que se abandonou superficie desde o 2005 suman desde entón 150 hectáreas menos.
A referencia do 2005 débese a que é o primeiro ano no que aparecen referencias de superficie de viñedo por municipio nas estatísticas do consello regulador. Chantada era naquel momento o que reunía máis viñedo, pero perdeu cincuenta hectáreas en catorce anos. As viñas inscritas no 2005 en Chantada ocupaban 165,77 hectáreas e na actualidade son 115,10.
Sen saír da ribeira do Miño, Taboada perde 12,57 hectáreas de viñedo -a metade practicamente das que tiña no 2005- e O Saviñao 19,3. Ao lado de Ourense, A Pobra de Trives pasa nese período de 34 a catorce hectáreas de viñedo. Os viñedos do Bibei están mediáticamente e a crista da onda, pero o envellecemento poboacional tampouco perdoa nese último municipio.
A desaparición dunha viña do censo do consello regulador adoita ser sinal inequívoco de que non hai ninguén que estea disposto a seguir traballándoa. Saír da denominación de orixe implica abandonar un circuíto comercial que garante a rendibilidade do cultivo. Sen estar dentro de Ribeira Sacra, non se pode vender a uva ás adegas. O problema está na idade dos viticultores: a media dos 2.376 inscritos rolda os 65 anos e non hai substitución xeracional.
Dos datos do consello regulador despréndese que nos últimos catorce anos perdeuse viñedo na Peroxa, A Teixeira, Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Manzaneda, Nogueira de Ramuín, O Saviñao, Parada de Sil, A Pobra de Trives, Ribas de Sil e Taboada. Hai máis superficie dedicada a viña, pola contra, en Monforte Pantón, Paradela, A Pobra do Brollón, Portomarín e Quiroga.
Aumentos relativos
Nalgúns municipios á alza, con todo, as cifras resultan anecdóticas. Paradela ten actualmente 0,39 hectáreas de viñedo, Portomarín non chega a sete e Monforte -que entra na subzona de Amandi pola parroquia de Marcelle- acadou catorce despois de que se incorporasen á denominación de orixe Seoane e Moreda. Nos datos de Pantón, que desde o 2005 pasou de 161,72 a 184,93 hectáreas, tamén pesa de forma determinante a admisión no 2009 de amplas zonas de viñedo fóra das ribeiras.
O viñedo non perde terreo en Sober, onde está a subzona de Amandi, a de maior proxección de Ribeira Sacra. Desde o 2005, este municipio gañou 38,79 hectáreas, incluída a zona do Cabe. O maior crecemento, case 69 hectáreas en catorce anos, hai que buscalo en Quiroga. As novas plantacións, en chairo ou en ladeiras con bancales aptos para maquinaria, compensaron aquí a crise demográfica.
A única zona europea de viticultura de montaña sen axudas específicas
A perda de viñedo en Ribeira Sacra delata unha ausencia de substitución xeracional que pode condicionar o futuro da denominación de orixe. «Atravesamos un bo momento, pero esa realidade non se pode perder de vista», di o presidente do consello regulador, José Manuel Rodríguez. Só cando xorde «unha colleita excepcional como a deste ano», sinala, conséguese a uva que precisan as adegas.
Se o foco está posto neste territorio, subliña José Manuel Rodríguez, «é grazas a unha paisaxe vitícola singular que debería ter prioridade». A pesar diso, engade, «Ribeira Sacra é a única zona europea onde se mantén a viticultura de montaña que non ten axudas especificas».