Catorce anos de condena para o hostaleiro de Chantada que disparou á súa parella

Europa Press

CHANTADA

ROI FERNANDEZ

A sentenza considérao culpable dun delito de asasinato en grao de tentativa

19 may 2017 . Actualizado ás 17:54 h.

A Audiencia Provincial de Lugo condenou a 14 anos e medio de prisión ao home que disparou na cabeza á que era a súa parella nunha hamburguesería de Chantada, ao que atribúe un delito de asasinato en grao de tentativa e un de tenencia ilícita de armas.

En concreto, segundo recolle o auto, a Audiencia condena ao home a 12 anos de prisión polo delito de asasinato en grao de tentativa e a dous anos e medio máis por tenencia ilícita de armas. A maiores, non poderá achegarse durante 15 anos á vítima, á que deberá indemnizar con 1.290.000 euros, ademais de pagar ao Sergas os gastos derivados da súa asistencia.

A sentenza considera probado que o condenado, Antonio F.F., acudiu ao establecemento que rexentaba na madrugada do 26 de agosto de 2014 e, tras manter unha discusión coa que era a súa parella, que traballa alí de camareira, colocoulle unha pistola na tempa dereita e disparoulle.

Como consecuencia das lesións, a muller presenta aínda graves secuelas, que inclúen déficit cognitivo severo e afectación «global» das funcións superiores, entre elas a fala.

O tribunal ten en conta cuestiones como a «escasa distancia» á que se efectuou o disparo e o «lugar tan vital» no que se produciu para determinar que o delito é de intento de asasinato e non de homicidio, xa que se houbo de representar a morte como resultado perfectamente posible e aceptado». «Xa que logo, o dolo de matar, directo ou eventual, é inequívoco», apunta.

Ademais, fai referencia á presenza de aleivosía, dado que, ao empregar un arma de fogo, «o que a vítima pode facer é unha defensa pasiva que non supón risco para o autor». Ten en conta tamén o agravante de parentesco.

A Sala admite a circunstancia atenuante de drogadicción do condenado, que consumira cocaína nas datas anteriores aos feitos, aínda que considera que ese consumo era «compatible cunha vida social ordinaria» e que non «non se pode extraer que ese consumo lle obnubilara a percepción da realidade».

Finalmente, a sentenza fai referencia a que o condenado mantivo previamente á vítima «máis de doce horas recluída» no bar e, tras os feitos, «negouse a facilitar a evacuación da lesionada», non facilitando as chaves de acceso, polo que tivo que facerse «por unha ventá.»