Faltan catro meses para ver rematada a primeira autovía do sur de Lugo

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

CARBALLEDO

ROI FERNÁNDEZ

O único tramo en obras da A-56 entra na súa fase final

26 ene 2020 . Actualizado ás 20:14 h.

Tres ou catro meses. Iso é o que lles falta ás obras de construción do primeiro tramo da autovía entre Lugo e Ourense, o que atravesa de norte a sur o municipio de Carballedo. Non se trata dunha previsión oficial, porque esas están xa todas superadas. Abonde dicir que os primeiros prazos que se daba o Ministerio de Fomento antes da crise dicían que a autovía se podería percorrer enteira entre Lugo e Ourense no 2011. As penúltimas previsións daban por rematadas as obras a principios do verán pasado e as últimas a finais de ano. En calquera caso, agora si que é certo que, salvo que chegue outro recorte orzamentario imprevisto ou empecen a sucederse os temporais, a estrea do primeiro tramo de autovía do sur de Lugo está xa á vista.

«Despois que sigan, e que sigan cara os dous lados». Así contesta o alcalde de Carballedo, Julio Yebra Pimentel, cando se lle pregunta en cal das dúas direccións prefire que continúen as obras. Porque a construción desta autovía, a A-56, non empezou por ningún dos dous extremos, como é o habitual, senón pola metade. O tramo de 8,9 quilómetros que está a piques de quedar listo para ser inaugurado empeza pola súa banda norte no alto dá Estivada, no límite co municipio de Chantada; e no seu extremo sur remata onde empeza o municipio ourensán de Vilamarín. O tramo novo non serve para desconxestionar a saída de Ourense, porque para que esta autovía chegue á saída desa cidade faltan dezaoito quilómetros. Tampouco para conectar Carballedo con Chantada, a cabeceira da súa comarca, porque se para a dez quilómetros desa localidade.

Camións ao Carballiño

Este tramo resultará útil fundamentalmente para desconxestionar de tráfico pesado esta parte da N-540. Esta estrada é utilizada a diario por numerosos camións que levan madeira e material de ferro cara ao Carballiño e Portugal, desde a zona central e o norte da provincia de Lugo. A parte da autovía que está a piques de rematar é unha boa ligazón entre a saída sur de Chantada e o denominado Eixo do Ribeiro, a estrada que comunica as comarcas do Ribeiro e O Carballiño e a estas co suroeste de Lugo. Esta estrada é tamén unha alternativa para viaxar en coche entre Lugo e Vigo, un percorrido que a partir de agora terá 8,9 quilómetros máis de autovía, a engadir aos do tramo inicial entre Lugo e Guntín.

En cambio, non servirá para os condutores en ruta entre Lugo e Ourense. Só poderán ter algunha dúbida os que veñan de Lugo e circulen cara ao sur, porque son os que se van atopar xunto á estrada actual co desvío cara á autovía. Os que veñen de Ourense terán o extremo sur do primeiro tramo da A-56 a aproximadamente un quilómetro de distancia. Nos dous casos, tomar a autovía suporíalles sumar máis quilómetros e máis tempo ao seu percorrido.

Os proxectos do norte, un paso máis avanzados que os do sur

Cando di que lle dá igual en que dirección sigan porque o importante é que as obras continúen, o alcalde de Carballedo resume o sentir dos responsables institucionais e os axentes sociais dos municipios polos que pasa a actual N-540. A plataforma formada hai anos por todos eles para presionar ao Goberno central e que o proxecto avance leva meses en silencio.

A dificultade para formar Goberno en Madrid e as consecuentes prórrogas dos orzamentos xerais do Estado dificultaban a presión. Agora xa hai goberno, pero presupostos aínda non. O proxecto da autovía está parado en todos os seus tramos menos o de Carballedo.

Catro e tres

Se o Goberno central decide darlle un impulso nos orzamentos do 2020 pode optar por dar un paso adiante en todos os tramos á vez ou por concentrarse nos que están máis avanzados. Os catro do norte (entre os municipios de Chantada e Portomarín) teñen os proxectos técnicos elaborados, uns desde fai dez anos e outros desde fai once. Están só á espera de que sexa contratada a execución das obras.

En cambio, os tres que quedan cara ao sur (entre Vilamarín e Ourense) están un paso máis atrás. Só teñen os estudos informativos rematados e aínda están pendentes da redacción dos respectivos proxectos de obra.