Salvan a súa casa dun incendio ao manter pechadas todas as portas

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE

CARBALLEDO

ROI FERNÁNDEZ

O suceso ocorreu esta mañá en Carballedo e o lume destruíu o cuarto da lavadora e encheu a vivenda de fume

07 ene 2020 . Actualizado ás 17:45 h.

Un incendio no cuarto dunha lavadora provocou esta mañá importantes desfeitas nunha casa do municipio de Carballedo. As consecuencias puideron ter sido moito máis graves se os propietarios non chegan a manter pechadas as portas que comunican a sala na que se produciu o lume co resto da casa e co exterior.

O suceso produciuse a media mañá nunha casa de Mondín, un lugar da parroquia de Santaballa de Búbal. Foron os propios residentes na casa os que avisaron por teléfono a iso das once ao servizo de urxencias 112 do que estaba a suceder. Explicaban que saía moito fume da planta baixa da casa, onde teñen o garaxe e a sala da lavadora. Mentres se dirían a Mondín, os bombeiros de Chantada pediron aos propietarios da vivenda que non abrisen nin a porta exterior do garaxe nin a que separa o baixo do resto da vivenda. Tiñan medo que a entrada de aire avivase o lume que aparentemente había na planta baixa.

Cando chegaron, os bombeiros atopáronse co garaxe ben pechado, pero completamente invadido de fume, que tamén acadara unha parte da parte superior da casa. Entraron no garaxe desde o piso de arriba e con equipos de respiración. Na planta baixa tiveron que ir a cegas, pola acumulación de fume, ata a orixe do fume na sala da lavadora. En canto atopárono, apagaron o lume con auga. Despois, tiveron que ventilar toda a vivenda para dispersar o fume.

Finalmente, o lume destruíu a lavadora, a secadora, a roupa e os demais aveños que había nese cuarto, pero non chegou a propagarse ao resto do edificio. Os bombeiros creen que resultou providencial que os donos da casa non chegasen a abrir a porta de garaxe do baixo, porque entón as chamas podían ter gañado potencia e o lume podía haberse descontrolado.