Queiman en Carballedo un coche que levaba un ano abandonado

Carlos Cortés, Roi Fernández MONFORTE

CARBALLEDO

ROI FERNÁNDEZ

O lume destruíu por completo o vehículo nunha pista da parroquia de Cartelos

02 ene 2020 . Actualizado ás 17:13 h.

Un coche abandonado ardeu esta noite ata quedar completamente calcinado nunha parroquia do municipio de Carballedo. O vehículo levaba tempo aparentemente abandonado no sitio no que se produciu o incendio, que probablemente foi provocado.

O incendio produciuse durante a noite do mércores ao xoves xunto á pista que une os lugares de Quintá de Pradeda e Trasar de Carballo, nunha paraxe situada na parroquia de Cartelos. O coche era un Citroën ZX e segundo os veciños levaba aproximadamente un ano sen ser movido dese lugar. O lume destruíu o vehículo por completo. Os seus restos aínda humeaban este xoves ao mediodía.