Unha poda polémica nunha praza pintada e filmada por artistas soados

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO CHANTADA / LA VOZ

CARBALLEDO

ROI FERNÁNDEZ

A Fundación Xavier Pousa critica unha intervención nos carballos da localidade de Buciños, en Carballedo

16 feb 2019 . Actualizado ás 20:00 h.

A recente poda duns carballos centenarios no campo da festa de Buciños -no municipio de Carballedo - provocou as críticas da Fundación Xavier Pousa, que preserva o legado do pintor pontevedrés deste nome, e da familia do escultor Manuel Buciños, oriúnda desta parroquia. María Jesús García, irmá do escultor, sinala que o artista está «moi desgustado» polo efecto que tivo esta poda na paisaxe desta localidade, onde ten unha casa. «Non estamos en contra de que se saneen as árbores, pero entendemos que este traballo non se fixo co coidado debido e agora o lugar está irrecoñecible», di. «Nun sitio de tanto valor como este, ese labor debería encargarse a un paisaxista ou a un enxeñeiro forestal», engade. A irmá do escultor di tamén que agarda que «as árbores non cheguen a secar despois desa poda tan drástica».

María Jesús García, que criticou a intervención nas redes sociais, sinala a este respecto que o campo da festa de Buciños foi pintado polos artistas Xavier Pousa e XaimeQuessada , que visitaron o lugar repetidas veces pola súa amizade co escultor de Carballedo. A praza, engade, é ademais un dos escenarios nos que se rodou a película A lei da fronteira, dirixida polo cineasta arxentino Adolfo Aristarain e estreada en 1995.

Pola súa banda, a Fundación Xavier Pousa fíxose eco destas críticas na súa conta de Facebook. «Se Pousa levanta a cabeza sentiríase como ela, con rabia e impotencia ante feitos xa consumados», din os responsables da entidade, que tamén publicaron unha reprodución do cadro Praza de Buciños, no que o artista -falecido en decembro do 2001- pintou as árbores agora recentemente podados.

O alcalde de Carballedo, Julio Yebra, di pola súa banda que a poda foi levada a cabo por unha empresa especializada e encargada polo Concello a petición da asociación veciñal de Buciños e de varios veciños que solicitaron a título particular esta medida. «Fíxose ademais por razóns de tipo legal, porque as pólas dos carballos acalzaran un tamaño moi grande e había o risco de que acabasen caendo sobre as casas próximas», afirma. O rexedor di así mesmo que a intervención non danou as árbores, senón que contribuirá á súa conservación, «porque na situación en que estaban podían acabar por romperse ou secarse».

Julio Yebra considera doutra banda que «o que se fixo na praza de Buciños é unha poda como moitas outras que se fan todos os días en moitas partes de Galicia e que son algo completamente normal».