Últimos días para apuntarse na escola municipal de música da Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón

Un festival de fin de curso en la escuela de música Samoeiro, en una imagen de archivo
Un festival de fin de curso na escola de música Samoeiro, nunha imaxe de arquivo ALBERTO LÓPEZ

O prazo de matrícula estará aberto ata o venres

18 sep 2019 . Actualizado ás 15:40 h.

A escola de música Samoeiro, do Concello da Pobra do Brollón, pechará o venres o prazo de matrícula para o novo curso. Para este período esta previsto impartir clases de acordeón, gaita, piano, percusión tradicional —pandereita, tambor e tamboril— e frauta, estas últimas coas especialidades de travesera, de pico, requinta e flautín. O programa comprende ademais formación musical, baile tradicional e un coro. Para nenos de 5 a 12 anos de idade haberá unha materia específica de iniciación musical, música e movemento e linguaxe musical. Na maioría das materias haberá grupos diferenciados de nenos e adultos.

O prezo da matrícula, de noventa euros, cobre unha soa destas materias. Para cursar materias adicionais hai que abonar 45 euros por cada unha. Para matrículas de dúas persoas dunha mesma unidade familiar hai un prezo reducido de 75 euros e de 35 por cada material adicional. O pagamento pode facerse de forma fraccionada. As matrículas deben formalizarse de forma presencial na biblioteca municipal —situada na Casa de Cultura— de 11.00 a 13.30 horas. Os interesados poden solicitar máis información no teléfono 982 430 456 e na páxina web municipal, na dirección concellodapobradobrollon.gal.