Unha sendeirista foi evacuada en helicóptero tras sufrir unha caída

L. D. MONFORTE / LA VOZ

A Pobra do Brollón

Gardacostas de Galicia

Resultou ferida cando realizaba xunto cuns amigos un percorrido polo monte de Paramedela, na Pobra do Brollón

02 novs 2018 . Actualizado ás 17:20 h.

Un helicóptero da Axencia Galega de Emerxencias tivo que trasladar a un centro sanitario a unha sendeirista que sufriu unha caída cando realizaba unha camiñada polo monte de Paramedela, nas proximidades da vila de Salcedo, dentro do municipio da Pobra do Brollón. Fuentes do operativo de rescate indicaron que a muller, duns cincuenta anos, sufría traumatismo nas costas e nun brazo como consecuencia do contratempo.

A evacuación correu a cargo do helicóptero Pesca II, do Servizo de Gardacostas de Galicia,que enviou a un equipo de rescatadores para poder retirar á muller por vía aérea do lugar no que sufriu o accidente, en vista do escarpado do terreo. Tamén colaboraron os bombeiros de Monforte e persoal do grupo de urxencias supramunicipal de Quiroga. A muller foi trasladada ao Hospital de Ourense.

O accidente tivo lugar ao redor de únaa do mediodía, nunha zona de difícil acceso desa ruta, que discorre pola garganta do río Lor. O orballo que caeu durante boa parte da xornada motivou que o terreo, moi rochoso nesa ladeira, estivese sumamente esvaradío. Foron os compañeiros da muller accidentada os que se puxeron en contacto co 112 para alertar do sucedido e solicitar asistencia sanitaria.