O Neka fixo historia con España en Lisboa ao lograr 5 medallas

Luis Conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

A consecución do campionato de Europa é o maior éxito dos taekuondistas monfortinos

23 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

«Ver aos meus deportistas no podio no momento de izar a bandeira de España e cos acordes do himno nacional chegoume ao fondo». Estas son as palabras que pronunciou o director deportivo do Ximnasio Neka, José María Vega , pouco despois da consecución do campionato de Europa de taekuondo polos seus deportistas Álex Camba e Carlos Rey, que lograron o título na modalidade de trío.

Este éxito uniuse ás dúas pratas cultivadas por Laura Álvarez e á que logrou Dani Areán. Sin duda, un fito histórico para o deporte monfortino e para o de Taboada —non hai que esquecer que Areán é deste municipio—. «Aínda estou nunha nube, porque nunca antes o Neka conseguira un campionato de Europa nin dous subcampeonatos, e, de verdade, son resultados para enmarcar. Estes taekuondistas xa son toda unha realidade, e non só en España, senón tamén en Europa», indica José María Vega .

O técnico monfortino ten claro que este éxito referenda un proxecto que viu a luz fai un cuarto de século, e que apunta a metas aínda máis ambiciosas. As novas promesas locais están cada vez máis preto de subir ao podio nun campionato do mundo. «Iso son palabras maiores, pero imos polo bo camiño», asegura Vega .

Hoxe, o director deportivo do Ximnasio Neka manterá unha reunión co concelleiro e co técnico de Deportes, José Manuel Mougán e Óscar Rodríguez, respectivamente, no que lles dará conta de toda a traxectoria dos seus deportistas, deste último éxito, ademais de falarlles de proxectos de futuro. E un deses proxectos para por levar ás súas novas promesas a algunha competición internacional, neste caso representando ao club. «Aproveitarei este encontro para agradecerlles o apoio que nos brindan e para comentarlles o noso proxecto. Estamos moi orgullosos de levar o nome de Monforte por todo o mundo», conclúe José María Vega .

Nas últimas horas non parou de soar o móbil do director deportivo do Neka, e é que todo o mundo quixo trasladarlle as felicitacións polos éxitos dunhas novas promesas, que seguen escribindo páxinas no libro de ouro do deporte monfortino.