A SD Chantada busca o seu primeiro triunfo na liga ante o Friol A

Luis Conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

23 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Esta fin de semana dispútase a segunda xornada da Primeira Autonómica. A SD Chantada recibe mañá ás doce e cuarto do mediodía no campo municipal do Sangoñedo ao Friol. Os futbolistas que prepara Javier Montoto encaran o encontro con boas sensacións, e é que o seu principal obxectivo é conseguir os tres puntos en xogo e así resarcirse da derrota que encaixaron na xornada inaugural ante o Taboada.

O preparador pontevedrés agarda dispor de todos os seus efectivos para este choque. Sin duda, o de mañá será un día especial para os afeccionados locais, que presenciarán un partido oficial neste escenario despois de ano e medio.

Un Taboada á alza

O Taboada visita o difícil campo do Chao dá Poza, onde medirá as súas forzas a un reforzado e renovado Portomarín. Este campo coñéceo á perfección o adestrador do Taboada, Manu Rodríguez, xa que adestrou varias tempadas ao equipo que será o seu rival mañá. Os visitantes buscan unha vitoria, que lles permitiría consolidarse nos primeiros postos da clasificación. E é que ambos os equipos son rivais directos na loita polo ascenso de categoría. Rodríguez disporá de todos os seus efectivos para afrontar este difícil encontro.

Xa toca gañar

Tras unha inesperada posta en escena, o Chantada Atlético busca resarcirse este domingo ás seis da tarde no campo municipal do Sangoñedo. Nesta ocasión, os futbolistas de Anxo Valcárcel enfrontaranse ao Guntín, en teoría un rival alcanzable.

No entanto, o preparador monfortino non se fía para nada dos lucenses. Confía en que os puntos queden en casa esta fin de semana.

Chantada B e Ferreira abren hoxe o campionato

Os afeccionados da Segunda Autonómica volverán gozar do fútbol, e farano desde esta tarde. Ás catro e media, o Río Sil medirá as súas forzas ao Oural. Todo un clásico da categoría, que se presenta igualado. A esa hora, no municipal do Carboeiro estrearase o Incio. O equipo de Míchel enfrontarase ao Quiroga de Ruboi.

A xornada deste sábado completarase co encontro que disputarán no municipal do Sangoñedo o Chantada B e o Ferreira. Este partido será ás catro e cuarto da tarde.

Para mañá queda outro clásico. Será o derbi comarcal no que medirán as súas forzas o Bóveda de Pasín e o Brollón de Chura, que suma xa oito tempadas neste banco.