Ribeira Sacra e Serras de Oribio e Courel aúpa a Galicia en reservas da biosfera

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Acto en Santo Estevo en favor de la declaración de Ribeira Sacra e Serras de Oribio e Courel como reserva de la biosfera
Acto en Santo Estevo en favor da declaración de Ribeira Sacra e Serras de Oribio e Courel como reserva da biosfera Santi M. Amil

Un terzo do territorio da comunidade está amparado por esa figura da Unesco

19 sep 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A recente declaración de Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel como nova reserva da biosfera supón un salto cuantitativo nas estatísticas de Galicia relativas á superficie de territorio que conta con esta protección. Segundo informa a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a comunidade pasa así a ser a segunda con máis terreo amparado por esa figura no conxunto do Estado. «Algo máis dun millón de hectáreas do territorio galego, o 34,9% da comunidade, gaza xa deste recoñecemento internacional, unha extensión que só supera Andalucía», detalla este departamento da Xunta.

O ditame do consello internacional dependente da Unesco que concede este tipo de declaracións converte a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel na sétima reserva da biosfera galega. Antes de que se fixese pública a concesión, o pasado xoves, Galicia era a quinta comunidade española con máis reservas da biosfera recoñecidas pola Unesco. Agora é a terceira, xunto con Asturias e Canarias, segundo sinala a Consellería de Medio Ambiente.

Valor ambiental

As tres comunidades contan, respectivamente, con sete territorios que foron merecedores dese recoñecemento internacional polas súas características paisaxísticas e ambientais. No caso concreto de Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel é a segunda máis extensa de todas as que se concederon a Galicia e abarca unha superficie de 306.535 hectáreas repartidas entre 23 municipios, dezaoito situados na provincia de Lugo e cinco en Ourense.

«Ademais de ser a segunda comunidade española con máis superficie terrestre declarada como reserva da biosfera, Galicia tamén ocupa a segunda posición a nivel nacional tendo en conta o peso que teñen estes espazos con relación á superficie total da comunidade», subliña a consellería na súa valoración.

Nos municipios lucenses de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, a declaración de reserva da biosfera súmase á do geoparque que foi concedido pola Unesco no 2019. A Ribeira Sacra, pola súa banda, deberá reorientar a súa candidatura a patrimonio da humanidade tras as reticencias formuladas polo comité avaliador.