Sobre a candidatura dá Ribeira Sacra

Carme Aira

LEMOS

Cañón del Sil a la altura de Parada do Sil.
Canón do Sil á altura de Parada do Sil. PILI PROL

18 sep 2021 . Actualizado ás 15:47 h.

Alá polo mes de xullo, ante a decepción causada na comarca pola retirada da candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio mundial da humanidade, o BNG presentou a súa correspondente interpelación ao conselleiro de Cultura, para que dese explicación das eivas sinaladas no informe do Icomos (organismo avaliador da Unesco). Por suposto, o señor conselleiro non respondeu aos nosos inquéritos, como canto custou a elaboración da candidatura, que responsabilidades se ían depurar, etcétera.

Como procedía neste primeiro pleno do curso político, o BNG presentou unha moción para o seu debate co fin de lograr o apoio unánime do Parlamento Galego para a revisión e corrección das cuestións que se sinalaban como eivas.

As incorreccións subliñadas no antedito informe do Icomos eran pola falta de fío discursivo nos informes presentados, pola escasa argumentación achegada, ou por cuestións tan básicas como a ausencia de participación da poboación deste territorio. Nin que dicir ten que a falta de xustificación dos encoros, ou a ameaza constante dos lumes ou dos parques eólicos existentes e futuros, tamén foron sinaladas.

Cuestións todas que remataron penalizando a esta candidatura, que levaba anos construíndose, ata o punto de aconsellar de xeito demoledor a súa retirada. É por isto que a deputada do BNG Mercedes Queixas, defendeu esta moción e pediu o apoio para a reformulación da candidatura expoñendo peticións moi concretas, e contrastadas.

Solicitou o BNG, por pura lóxica, establecer un calendario de traballo, abrir un proceso de participación inclusiva con tódolos sectores implicados, a avaliación do impacto das grandes infraestruturas existentes ou as que están por vir, reformular a declaración BIC da Ribeira Sacra, establecer unha rede de apoio local que visibilice a candidatura, ou determinar o orzamento co que se ía contar para esta nova fase.

Foi o Partido Popular o que votou que non á moción do BNG. Lamentamos que a representante do PP da zona tente confundir os termos para sacar rédito político para o seu partido e non se ocupe de que o Goberno da Xunta atenda cuestións como un plan especial contra os lumes na Ribeira Sacra, un plan de xestión e usos da zona, pedidos polo BNG, ou o plan estratéxico da Ribeira Sacra que prometeron e que sen dúbida reforzaría a posición da nova candidatura que se presente. Pola contra, defendeu o indefendible, a candidatura que non prosperou, ratificándose no fracaso, falando de aprazamento estratéxico (non sabemos se a favor da candidatura de Madrid), ou acusándonos de non ter fe.

Temos claro que a Ribeira Sacra é un territorio con valores de abondo para ser patrimonio mundial da humanidade. Acaba de ser nomeada reserva da biosfera, que sendo unha boa nova, non ten a entidade de protección suficiente. O esforzo para protexela debería ser honesto e unánime.