A incidencia acumulada dispárase en Monforte: 15 novos contagios nun só día

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Gente con mascarilla este viernes en el centro de Monforte
Xente con máscara este venres no centro de Monforte CARLOS CORTÉS

A quinta onda da pandemia engorda tamén en Chantada, coa incidencia achegándose a 500

23 jul 2021 . Actualizado ás 17:10 h.

O crecemento da quinta onda da pandemia de coronavirus en Monforte  e Chantada acelérase. Despois duns días de subidas moderadas, as cifras están a empeorar rapidamente, sobre todo en Monforte. Neste municipio a incidencia acumulada sobe este venres case 90 puntos de golpe, por culpa dos 15 contagios novos confirmados nas últimas 24 horas. E en Chantada, se as cousas non cambian, a incidencia superará pronto o 500, o límite que marca o paso a unha situación de risco extremo. O crecemento dos contagios é similar ao da terceira onda, ata agora a peor de todos no sur de Lugo, pero hai unha diferenza fundamental: a pesar de todo, a planta covid do hospital de Monforte segue case baleira.

Cos datos deste venres, en Monforte hai 67 positivos confirmados nos últimos 14 días, o que supón 15 máis que o xoves. E os 52 do xoves eran 7 máis que o mércores, cando o reconto aínda estaba en 45. Antes diso, houbera catro días de subidas pequenas, de entre 1 un catro casos máis ao día, o que parecía indicar que as cousas ían camiño de mellorar. Estas dúas últimas xornadas de incrementos fortes rompen aquela tendencia.

Tampouco se sacan conclusións optimistas da tendencia a 7 días, que permite anticipar mellor a tendencia que a curva de contagios puiden seguir a curto prazo. Dos 67 positivos confirmados nos últimos 14 días en Monforte, un total de 44 (o 65%) son da última semana, o que indica que o crecemento da curva non se retarda, senón que se fai máis intenso.

Con estas cifras, Monforte atópase agora nunha incidencia acumulada de 365 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días. A incidencia acumulada era de 283, uns noventa puntos menos, só 24 horas antes.

Tampouco van as cousas ben en Chantada. A conta de novos casos rexistrados nos últimos 14 días neste municipio ascende este venres a 37. Iso son 5 máis que o día anterior e unha incidencia acumulada de 451 casos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas. A incidencia acumulada en Chantada duplicouse en só seis días (en Monforte podería duplicarse en oito días, se as cifras de mañá fosen tamén malas). Se a tendencia non cambia, Chantada superará pronto a incidencia acumulada de 500, co que se arrisca a retroceder de novo na desescalada e deixar a actual situación de risco medio-baixo.

Toda a Ribeira Sacra se mantén no nivel baixo de risco

A situación no resto dos municipios do sur da provincia de Lugo continúa estable. Cos datos coñecidos este venres, non hai ningún máis que supere os 9 casos novos de covid-19 rexistrados nas últimas dúas semanas.

As restricións en vigor desde a medianoite deste venres ao sábado en todos os municipios galegos que se atopan no nivel medio, alto ou máximo. Monforte, Chantada e o resto dos municipios da Ribeira Sacram, tanto os de Lugo como os de Ourense, están no nivel baixo. Iso quere dicir que por ahorala hostalería seguirá ao 50%dentro e ao 100% en terraza e que o lecer nocturno pode abrir, pero só para clientes vacinados ou que xa pasaron o covid.19.