Os socios serán citados a unha asemblea o próximo 23 de maio

Luis Conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS CORTÉS

Na reunión, o presidente, Óscar López, anunciará se finalmente se presenta ou non á reelección

20 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A xunta directiva do Club Lemos convocará a asemblea xeral de socios o próximo día 23 de maio. A intención do equipo reitor que preside Óscar López é celebrala ese domingo pola mañá, pero está á espera da contestación do Concello á solicitude que realizou a secretaria do club, María José Rubinos, na que se pide a casa da cultura para que leve a cabo.

Nun primeiro momento barallouse a posibilidade de que a asemblea se desenvolvese ese día pola tarde, porque a idea é que o partido ante a Residencia que se disputa esa xornada xogásese ás doce do mediodía, pero finalmente cambiaron de opinión.

A asemblea é transcendental para o futuro da entidade lemista, posto que esta é a cuarta tempada da directiva que preside Óscar López, que ese día anunciará se finalmente se presenta ou non á reelección. É verdade que algúns dos seus directivos xa lle comunicaron a súa intención de non repetir, pero López non descarta darlle continuidade a un proxecto que comezou fai catro anos, e que foi un éxito tanto no apartado deportivo como no económico.

Descenso da débeda

Cando esta xunta directiva tomou as rendas do Lemos, a débeda, segundo o presidente, ascendía a máis de 100.000 euros, e as previsións iniciais apuntaban a que a final desta campaña quedaría en 12.000 euros, pero as noticias aínda poden ser mellores, e é que todo apunta a que Óscar López e o seu equipo deixarán un Lemos sen débedas, algo que xa nin lembran os socios máis veteranos da entidade,

No apartado deportivo, o club está en Preferente e cunha base sólida de futbolistas -o 90% son da comarca-, ademais de contar cun Lemos B. Así mesmo, Óscar López deu un paso adiante en establecer unhas relacións fluídas co Calasancio, e así o demostra o feito de que practicamente todos os xuvenís que saíron a pasada tempada do club estudantil ficharon polo Lemos.

Non é de estrañar que cada vez sexan máis as voces que piden a continuidade desta xunta directiva. As próximas semanas serán claves para coñecer o futuro.