A SD Chantada gañou o seu final na Medela nun derbi igualado

Luis Conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

Este triunfo permite ao equipo do Sangoñedo manter as súas opcións intactas na súa loita polo ascenso

14 ene 2020 . Actualizado ás 20:25 h.

A xornada dezaoito do grupo terceiro da Primeira Autonómica deparou a terceira derrota do líder, o Atlético Escairón, e a vitoria da SD Chantada na Medela ante o Taboada. O conxunto do Saviñao sucumbiu pola mínima (2-1) ante o segundo clasificado, o Santaballés. No entanto, os futbolistas de Javier Montoto mereceron un mellor resultado pola imaxe que ofreceron.

Con este resultado, a zona nobre da clasificación estréitase un pouco máis. Agora, a vantaxe do Escairón sobre o Santaballés é de catro puntos. A terceira praza ocúpaa o Burela, con 34 puntos, tras perder ante o Riotorto. O Pol está na cuarta praza, con 33, unha vez que superou no seu feudo ao San Roque.

A xornada si foi propicia para a SD Chantada. Os discípulos de Juan Rodríguez afrontaban unha auténtica final no campo da Medela ante o Taboada, e non fallaron. O cadro do Sangoñedo impúxose por 2-4 nun derbi moi disputado e que se decidiu por detalles.

Esta vitoria deixa aos chantadinos na quinta posición da táboa clasificatoria. Suman 32 puntos e están a sete das posicións de ascenso ao grupo norte da Preferente Autonómica.

A xornada completouse co partido que disputou o Chantada Atlético no campo do Sangoñedo ante a UD Pastoricense. O resultado foi de empate a un. Os locais desaproveitaron unha ocasión de ouro para afastarse dun opoñente directo pola permanencia. Os chantadinos ocupan a duodécima praza, con 19 puntos.

Próxima xornada

A próxima xornada depara estes partidos: Escairón-Pol, Guntín-Chantada Atlético, Outeiro de Rei-Taboada e SD Chantada-Riotorto.