O pleno pedirá a Sanidade medios para que funcione a uci do hospital

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Exterior del hospital comarcal de Monforte, en su entrada principal
Exterior do hospital comarcal de Monforte, na súa entrada principal ALBERTO LÓPEZ

A sala existe desde o 2006, pero faltan médicos e equipamento

24 sep 2020 . Actualizado ás 20:13 h.

A reivindicación do funcionamento dunha unidade de coidados intensivos no hospital comarcal de Monforte vén de lonxe. O temor á incidencia que poidan acadar os casos de coronavirus nos próximos meses sitúa de novo esta demanda no primeiro plano da política local. O BNG deu a coñecer unha moción que será debatida no pleno do luns na que esixe «que se repoña o servizo de uci de forma inminente».

«Temos perante de nós unha realidade previsible de casos numerosos e unha situación sanitaria complicada para a poboación do sur de Lugo», vaticina o concelleiro do BNG, Emilio Sánchez. Na moción que defenderá, que inclúe outras medidas encamiñadas á potenciación do hospital, destaca a elevada idade da poboación que atende o centro sanitario monfortino. «Cómpre prever -engade- unha situación sanitaria de colapso da uci de Lugo».

En xullo do 2002, máis de trescentos profesionais do sector da sanidade avalaban coas súas firmas unha proposta para dotar ao hospital comarcal de Monforte dunha unidade de coidados intensivos. O espazo físico para a uci habilitaríase catro anos despois, coa execución dun plan de reforma do centro cuxas obras foron inauguradas polo entón presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.

Con todo, a dotación de equipamento e de persoal para atender ese novo servizo non chegaría a concretarse. «Eu acompañei como deputado ao presidente Touriño naquela inauguración. Despois do bipartito, os gobernos do PP non quixeron poñela en marcha», sinala o alcalde de Monforte, José Tomei.

O goberno municipal, segundo avanza, está de acordo coa reivindicación da posta en marcha da uci que reclaman os nacionalistas na súa moción.

Segundo datos da Consellería de Sanidade correspondentes a febreiro deste ano, o hospital comarcal de Monforte atende a unha poboación de 42.043 habitantes repartidos polos municipios das comarcas de Monforte, parte da de Chantada e Quiroga, na súa maioría cun elevado envellecemento poboacional.