«Encántame o Camiño de Inverno, pero necesita mellorar»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Francesc Paz trae grupos de viajeros catalanes al Camino de Invierno. En la foto, él mismo junto a uno de los indicadores de esta ruta jacobea en Rodeiro
Francesc Paz trae grupos de viaxeiros cataláns ao Camiño de Inverno. Na foto, el mesmo xunto a un dos indicadores desta ruta xacobea en Rodeiro CEDIDA

Francesc Paz ten unha axencia de viaxes especializada en turismo de grupos e en marcha nórdica

16 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Francesc Paz é un dos responsables da axencia Viatges Maresme, especializada no turismo de grupos e en marcha nórdica. Fai tres anos esta axencia de viaxes con sede na localidade catalá de Blanes empezou a organizar percorridos polo Camiño de Santiago. E este verán estreáronse no Camiño de Inverno. A experiencia foi agridoce. «O Camiño de Inverno ten moitísimas posibilidades, pero hai cousas que necesitan mellorar», di Francesc Paz.

-Por que decidiron organizar grupos para percorrer o Camiño de Inverno?

-Coñecémolo en Ponferrada cando preparabamos unha ruta polo Camiño Francés. Vimos que era novo, interesounos e o ano pasado xa o fixemos a miña filla e eu. Cando elaboramos un produto para os nosos clientes sempre imos antes a velo nós mesmos.

-E que lles pareceu?

-Encantounos. Non é o Camiño Francés, ten outras motivacións. Este é un camiño máis natural, permite gozar dunhas paisaxes preciosas. Non hai tanta «pedra», pero hai máis paisaxe. Niso non admite comparación. Cada recuncho é completamente diferente ao anterior.

-Viron carencias?

-Si. Nótase enseguida que non hai moita oferta de aloxamento e que boa parte da que hai non de é de boa calidade. Sabemos que o peregrino típico busca aloxamento barato, pero non hai que pecharse a ningún turismo. Os nosos clientes, por exemplo, demandan outro tipo de instalacións. E salvo algunhas excepcións, as que hai no Camiño de Inverno non son para botar foguetes.

-O problema entón é a falta de calidade de moitos aloxamentos.

-E de falta de servizos adaptados aos peregrinos. Un peregrino necesita antes de nada descansar, durmir ben. E nalgúns sitios, as posibilidades de descanso son pobres. Se o peregrino non descansa de noite porque a cama é un desastre, ao día seguinte ten que facer igual trinta quilómetros andando. No Camiño de Inverno atopeime só aloxamentos para saír do paso, salvo nalgúns hoteis en Vilamartín de Valdeorras, Monforte, Rodeiro e Lalín.

-É que o Camiño de Inverno aínda non move moitos viaxeiros.

-É certo que se pasa pouca xente iso pode non dar para facer moitas reformas, pero eu refírome tamén a outras cousas. Non podes ter os almorzos a partir das oito da mañá, porque os peregrinos empezan a camiñar antes. No Camiño de Inverno, en moitos casos son os peregrinos os que se teñen que adaptar ao aloxamento, porque o aloxamento non se adapta a eles. Cando fas o Camiño, os horarios son moi importantes. É fundamental que o peregrino poida almorzar e cear pronto.

-Viron carencias así noutros Camiños a Santiago?

-Non. Tamén fixemos o francés e o primitivo, e en ningún deses pasan cousas así. Gustaríame que ninguén vise isto como unha crítica destrutiva, porque non pretende selo. Se o conto é para axudar a mellorar. O Camiño de Inverno é moi recomendable e ten moitas posibilidades, pero no que respecta á hostalería necesita mellorar. Localidades como Monforte lle poden sacar moito partido. A min encantaríame que Monforte se promocionase, como fai Sarria no Camiño Francés, como punto de partida para facer esta ruta, porque esta a un pouco máis de cen quilómetros de Santiago, o percorrido mínimo para que un peregrino poida conseguir a Compostela.

-Tras esta experiencia, seguirán organizando percorridos polo Camiño de Inverno?

-Seguro que si. Este verán tiñamos dous grupos para facer o Camiño de Inverno, pero uno deles suspendeuse porque cando empezaron os rebrotes os clientes empezaron a cancelar reservas.