Achan no lugar dos Conventos novos indicios da presenza dunha antiga comunidade monástica a beiras do Sil
15 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.A segunda campaña de escavacións arqueolóxicas no lugar dos Conventos, na parroquia de Vilachá de Salvadur -na Pobra do Brollón- proporcionou unha importante cantidade de materiais que agora están a ser estudados polos investigadores e que se agarda que proporcionen informacións de gran interese sobre o pasado medieval da Ribeira Sacra. Entre eles destaca a pedra labrada que foi descuberta nos preparativos da campaña -que se desenvolveu entre o 27 de xullo e o 20 de agosto-, da que xa se pode afirmar que se trata dunha lauda ou lápida sepulcral.
A peza foi examinada nos pasados días por Álvaro Lorenzo Fernández, investigador que colabora no Arquivo Epigráfico de Hispania, un organismo dependente da Universidade Complutense de Madrid e dedicado ao estudo de inscricións romanas e medievais. Segundo explica o arqueólogo Xurxo Ayán, director técnico das escavacións, a conclusión deste especialista é que na pedra está gravada a frase latina «Hic requiescat famulus Dei...» (Aquí descansa o servo de Deus...). A frase complétase cun antropónimo ou nome propio que aínda non foi descifrado.
Nas escavacións, por outra banda, atopáronse dúas lajas de lousa, nunha das cales está gravada unha cruz e na outra un crismón, é dicir, un anagrama do nome de Cristo. Doutra banda, púidose comprobar que o enterramento humano que se descubriu o ano pasado neste lugar formaba parte dun sepulcro antropomorfo escavado na roca similar a outros que se achan en diversos puntos da Ribeira Sacra, como a necrópole de Barxacova, en Parada de Sil.
Un antigo eremitorio
Os responsables do proxecto arqueolóxico dos Conventos -promovido pola asociación veciñal de Vilachá co apoio do Concello e da Consellería de Cultura- barallan a hipótese de que todos estes restos proceden do antigo eremitorio ou mosteiro de San Martiño de Piñeira, que aparece mencionado nalgúns documentos medievais. Os restos humanos que apareceron no referido enterramento foron datados no século X, unha época na que se supón que existiu esta comunidade, aínda que as súas orixes poden ser aínda máis antigos.
Outros vestixios atopados nas recentes escavacións que tamén poden estar relacionados co mosteiro desaparecido consisten en restos de fogueiras e hoyos practicados no chan para fincar postes. Se as suposicións dos investigadores son acertadas -apunta por outra banda Xurxo Ayán-, o antigo convento sería de carácter dúplice, isto é, habitado á vez por monxes e monxas. Todas as comunidades monásticas fundadas nesa época en Galicia, o Bierzo e Portugal baixo a chamada regula de san Frutuoso así o eran. «Eses mosteiros tamén teñen en común o feito de que foron fundados por familias aristocráticas», agrega o arqueólogo.
No caso do convento de San Martiño de Piñeira, os investigadores apuntan que puido ser fundado por iniciativa da condesa Ilduara de Celanova, un coñecido personaxe histórico de entre os séculos IX e X que posuíu o señorío das terras de Quiroga e Caldelas -entre outras-, e que fundou numerosos mosteiros dúplices rexidos pola regra de san Frutuoso.
Entre as pezas desenterradas nos Conventos hai unha punta de lanza ou venablo, dúas chaves e varias moedas. Os arqueólogos supoñen que estes materiais pertencen ao priorado do mosteiro de Montederramo. As moedas indicarían unha actividade económica ligada á viticultura, do mesmo xeito que as chaves, que puideron servir para pechar arquetas con caudais. A presenza de armas corroboraría a importancia económica do lugar.