A Ribeira Sacra pon en marcha a súa oferta turística para tempos de pandemia

LEMOS

Una de las imágenes de presentación del nuevo portal turístico «Mereces un respiro»
Unha das imaxes de presentación do novo portal turístico «Mereces un respiro» CEDIDA

O novo portal dixital «Mereces un respiro» presenta máis de corenta propostas adaptadas ao contexto da crise sanitaria

29 jun 2020 . Actualizado ás 16:41 h.

O consorcio da Ribeira Sacra activou ao mediodía de hoxe un novo portal creado expresamente co fin de potenciar neste territorio un turismo adaptado ao contexto xerado pola crise sanitaria. O portal é a parte central da campaña «Despois de todo, mereces un respiro», que se preparou durante as últimas semanas en colaboración con numerosas empresas locais do sector.

O portal ofrece máis de corenta experiencias que se agruparon en cinco bloques temáticos, denominados respectivamente «Para coidarche e sentir», «Para explorar», «Para vivir e superarche», «Para saborear» e «Para soñar». Segundo explican desde a xerencia do consorcio, nesta oferta hai experiencias relacionadas coa exploración dos recursos patrimoniais do territorio, de interacción coa paisaxe a través do deporte, de coidado persoal en espazos singulares e de carácter gastronómico, entre outras.

Os usuarios do novo portal turístico dispoñen dunha serie de filtros que permiten efectuar procuras pola temática, pola duración das estancias, polo perfil do público ao que van dirixidas as distintas experiencias. As ofertas, segundo indican desde o consorcio, iranse incrementando nos próximos días «en diferentes quendas e a medida que o sector nolas faga chegar». Tamén iranse especializado en función das diferentes épocas do ano, como o outono.

Cinco bloques temáticos

Estes son os cinco bloques temáticos nos que se agrupan as diferentes experiencias turísticas do programa «Mereces un respiro»:

Para coidarche e sentir. Este bloque consta dunha decena de ofertas que van desde os baños de bosque ata estancias veganas con pensión completa.

Para explorar. Neste apartado agrúpanse quince experiencias que comprenden —entre outras rutas guiadas polo patrimonio románico, observación de aves e do ceo nocturno no canón do Sil e visitas a paraxes singulares.

Para vivir e superarche. Paseos en globo aerostático, actividades con cabalos e rutas de sendeirismo, bicicleta e kaiak son algúns das oito propostas comprendidas neste bloque.

Para saborear. Nesta sección do portal ofrécense trece experiencias, entre as que figuran visitas a adegas con catas de viños, actividades de oleoturismo e paseos en segway combinados con degustacións de viños, petiscos e comidas.

Para soñar. Baixo este rótulo agrúpanse fins de semana románticas, percorridos en barcas e actividades individuais pensadas para coñecer a outras persoas, entre un total de dez experiencias.