O Entroido Ribeirao sacode Chantada

Luis Díaz
luís díaz CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Volantes e peliqueiros saíron en Santiago de Arriba tras un desfile matinal de máscaras de toda Galicia

10 feb 2020 . Actualizado ás 19:15 h.

As mimosas xa queren amarillear ao abrigo da ribeira do Miño. Saúdan cada ano por estas datas a proximidade da primavera e o comezo do Entroido en terras de Chantada. O Entroido Ribeirao despide coas risotadas dos oficios os rigores do inverno. Os volantes axitan as súas cintas de cores e os peliqueiros fan soar os cencerros para festexar o xerme das novas colleitas entre vides e cerdeiras. Na parroquia chantadina de Santiago de Arriba, como é tradicional, o Entroido máis xenuíno arrinca coa celebración do Domingo Lambedoiro.

Un desfile de máscaras de varios entroidos tradicionais galegos abriu este domingo o Entroido Ribeirao, o máis madrugador dos que se celebran na Ribeira Sacra.

Manteno vivo a parroquia chantadina de Santiago de Arriba, onde pola tarde saíron volantes e peliqueiros. A parada foi de mañá polas rúas da capitalidade do municipio e participaron personaxes típicos dos entroidos de Salcedo (A Pobra do Brollón), Esgos, Viana do Bolo, Bande, A Mezquita, Campobecerros (Castrelo do Val), Ribadetea (Ponteareas) e Samede (Paderne).

Similitude con Italia

Os veciños das parroquias ribeiregas conservaron a tradición do Entroido ata que comezou a adquirir certa notoriedade a finais da pasada década dos noventa. Por aquel entón celebrábase tamén en Nogueira e Vilaúxe. En Tricario, ao sur de Italia, interesáronse no 2016 polo entroido da ribeira chantadina debido á gran similitude entre os volantes e as figuras típicas deste municipio da rexión de Basilicata.