A letra de médica de Eloísa Rivadulla

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Eloísa Rivadulla, «Lilita», ejerció como pediatra en Chantada hasta los anos ochenta
Eloísa Rivadulla, «Lilita», exerceu como pediatra en Chantada ata os anos oitenta ARQUIVO ROI FERNÁNDEZ

Esta pediatra filla dun represaliado do franquismo dá nome en Chantada a un colexio e un parque

26 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha sala de espera con cadros de temática infantil e algunha fotografía con rapaces de familias amigas, cadeiras e unha mesa con revistas compuñan a sala de espera. Unha sala de espera como todas as salas de espera dos médicos. Non recordo se a orla estaba alí ou na consulta. A consulta, no medio unha mesa de despacho e unha padiola ao lado da ventá. Sempre era igual, a médica preguntaba sobre o motivo da visita e seguidamente á padiola, uns golpecitos co seu dedo índice na miña barriga e unha exploración na garganta cun obxecto metálico que deixaba na boca o sabor do alcol, usado para desinfectar. Ata aí todo ben, pero na miña mente axexaba o perigo.

Lilita, a miña nai e eu volviamos á mesa do despacho. Ela sempre moi seria, explicando posologías do meu tratamento griposo ou o que fose. A pediatra dispúñase a coller un bolígrafo e escribir nunhas cuartillas para receitas, un bolígrafo gordo con aparencia de estilográfica que ao primeiro contacto co papel en branco facía que aumentase o meu ritmo cardíaco agardando xa con dor que aparecese a primeira B maiúscula seguida de minúsculas e, n, z…, e non, non me ía a comprar un Mercedes de xoguete. Xa estaba perdido, sabía que non había nada que facer. Tiña cinco anos, suficientes para intuír que me ía administrar Benzetacil, unha dolorosa inxección. Entón, un ou dous ou tres exclamativos nons que emitían con forza as miñas cordas vocais perdíanse a penumbra do despacho clamando no deserto. Era polo meu ben.

O segundo acto

Entre tranquilizadoras e cariñosas palabras da miña nai cuxo fin era sosegarme, pasabamos ao segundo acto uns portais despois, tras un percorrido doado costa abaixo, entre o número 10 da avenida José Antonio -hoxe avenida de Ourense- e o número 22. Alí, no primeiro piso outra sala de espera, esta menos infantil. Estaba decorada cun tapiz cuns mouros dacabalo raptando fermosas doncelas. Non, non era delirio do medo, outros chantadinos poderán confirmar a temática daquel tapiz.

Aí non me importaba que que o tempo se detivese, pero oíase a través da parede o continuo murmurio da auga que fervía nun hornillo eléctrico para a desinfección do utillaje de Alfonso Piñeiro. As afiadas, grosas e ocas hipodérmicas quentábanse xunto ás xiringas de cristal. «Home, a quen temos por aquí». O bigote de Alfonso era moi chulo, puntiagudo nos extremos, aínda que eu nese momento non quería ver nada puntiagudo. Un tío impecable co seu bata branca, un home bo, con carácter, moito carácter, algo que facía falta para que un neno presa do pánico relaxase a nádega e evitar así que se dobrase a hipodérmica e que o fluxo cementoso penetrase no cada vez máis dolorido glúteo.

Así a chamaban todos

Volvamos a Eloísa, ou mellor Lilita, pois ese era o nome co que toda Chantada se refería a ela. É moi probable que xa ningún dos alumnos e algúns profesores do colexio de ensino primario da avenida de Monforte, ben sexa pola súa idade ou porque non son de Chantada, saiban quen era Eloísa Rivadulla, a muller que lle dá nome ao seu centro desde os anos noventa, xa que en 1978 inaugurouse coa fría e oficial denominación de Colexio Nacional Mixto Comarcal Número 2 de Chantada. Ademais, un parque que antes foi recinto feiral tamén leva o seu nome.

Seino moi ben, aprendín a ler antes que a escribir e non con aquel famoso silabario, o Palau, ese que ensinaba as vogais con debuxos: A araña, E elefante, I igrexas... Aprendín coa dificultosa letra de médica no recetario de Lilita.

Unha vida dedicada á pediatría

Eloísa Cristina da Concepción Margarita Rivadulla Álvarez naceu o 26 de xaneiro de 1911 en Sada, A Coruña, concretamente na parroquia de Osedo. Filla de Eloísa Álvarez Nieves , natural de Celanova e de Benito Rivadulla Pascual, natural de Meirás, comerciante, político e xornalista, director do Banco Pastor en Chantada en 1929, director do xornal La Voz do Agro e redactor do Heraldo de Galicia na súa etapa de emigrante en Cuba. Presidente do Partido Galeguista en Chantada e militante de Esquerda Republicana, foi sancionado por responsabilidades políticas despois do golpe do 18 de xullo de 1936.

Eloísa Rivadulla comeza a estudar Medicina en 1930 e remata, cun expediente moi bo, en 1940 para cubrir en Chantada unha praza vacante do Seguro Obrigatorio de Enfermidade como especialista en pediatría, como conta na súa tese a investigadora Xoana Pintos Barral.

Lilita morreu en Chantada o 19 de setembro de 1987.