«Cumprín o meu obxectivo, acabar o Dakar»

LEMOS

CARLOS CORTÉS

«Tras a cuarta etapa púxenme en modo supervivencia para chegar ao final da proba», di

20 ene 2020 . Actualizado ás 21:32 h.

Obxectivo máis que cumprido. O piloto monfortino Eduardo Iglesias cumpriu o seu soño, que non foi outro que competir no Dakar e acabalo. Non foi doado, pero a experiencia que tiña en competir en varias probas no deserto e a súa fortaleza mental axudáronlle a superar os momentos máis complicados, que os tivo. Acabou no top 100 -logrou o posto 94-, demostrando que ten nivel para estar entre os mellores.

-Que lectura fai da súa estrea no Dakar?

-A lectura que fago é de satisfacción final mesturada coa dureza da proba. Cumprín o meu principal obxectivo, que era finalizar o Dakar 2020, subir ao podio e recoller a medalla que acredita a miña presenza na proba de motor máis importante do mundo.

-Foi máis dura do que agardaba esta carreira?

-A verdade é que a primeira semana do Dakar foi a máis dura, porque tivemos que percorrer un terreo de moita pedra e roca, cando a miña moto é máis pesada e está máis adaptada para unha superficie de area e de máis velocidade. Sufrín moito, sobre todo na cuarta etapa, porque tiven que facer varios quilómetros de noite. Aí foi o momento no que pensei se sería capaz ou non de acabar a proba. Esa primeira semana marcoume fisicamente e se me atragantó un pouco. Despois, na segunda xa todo discorreu mellor, porque había máis area e dunas.

-A posición non lle preocupaba demasiado

-Así é, para min o posto no que ía rematar era secundario. Non tiven pensado un posto concreto, porque ía co obxectivo de acabar a proba e conseguir esta medalla. É verdade que puiden rodar mellor e a máis velocidade, pero iso supuña maior risco e a posibilidade de ter un accidente. Optei por unha táctica máis conservadora, co fin de cruzar a liña de meta do rali. Púxenme en modo supervivencia para finalizar o Dakar.

-Chega moi canso?

-Fisicamente veño moi ben. De feito, non teño necesidade de visitar ao fisio, porque como ía ben preparado apenas teño secuelas. O único problemiña estivo nos antebrazos, que se me cargaron. Talvez veño máis canso emocionalmente, porque a dureza da cuarta etapa marcoume moito. O feito de competir só durante a noite fai que che vexas fose do Dakar, pero tiven a sorte de que un piloto asturiano tirou por min.

-Recuperou este Dakar o espírito de aventura?

-Si, a xente acabou moi contenta. O cambio a Arabia foi acertado polo que escoitaba ao resto de participantes. A todos lles gustou o percorrido e a min tamén, xa que se volveu a esa orixe do Dakar de etapas máis longas, con moitos quilómetros.

-Como viviu o falecemento de Paulo Gonçalves?

-Foi un mazazo terrible. Eu deime conta de que algo malo pasaba, porque cando cheguei ao lugar no que se produciu o accidente vin as motos soas e iso non me gustou nada. Xa o evacuaron. Foi un pau moi grande, porque ademais eu lle coñecía persoalmente. Era unha gran persoa, que axudaba moito a xente como eu que estaba a empezar. De feito, xa participei en varias carreiras con el e coincidín na súa mesmo equipo.

-Como foi o seu encontro con Fernando Alonso?

-Había dez minutos que me adiantou e cando vin o accidente pareime a ver que pasaba. Pedinlle permiso para sacar unha foto e el achegouse con moita amabilidade. Estivo moi receptivo. Ao acabar o encontro desexámonos sorte. No seu equipo ía un asistente de Chantada.

-Como foi o día a día?

-Duro, porque me levantaba ás catro da mañá e despois deitábasche tarde. Os días eran unha auténtica tolemia, pero ía preparado porque xa sabía o que había. En canto á comida e a pasar, sen ningún problema porque o meu equipo, o Galimplant, levaba autocaravana. A única pega é que facía moito frío de noite. Estabamos a dez graos, pero a sensación térmica era de cero. Durante o día a temperatura estaba ao redor dos 30 graos. Aí perfecto.

-Recibiu moitas mensaxes?

-Estou moi sorprendido pola repercusión que tivo a miña participación no Dakar. Esa circunstancia foi a que me fixo pensar que non podía fallar e que tiña que concluír a proba. Chegábanme unha media se cen WhatsApp diarios e xa cando acabei superaron os douscentos.

-Que lle causou máis emoción?

-Cando falaba co meu fillo Martín. El estaba pegado ao televisor e pedíalle á súa nai que lle puxese os vídeos e os resumos do Dakar. Salvo tres días por problemas de cobertura, o resto falei con el. Cando estás tan lonxe emociónasche ao falar cos teus seres queridos.

-Xa está preparado para o Dakar 2021?

-[Sorrí] Esta é a pregunta do millón. Se digo que participarei no Dakar 2021 amento e se digo que non tamén. Agora, o primeiro é descansar e recuperarme desas semanas intensas. Que estea ou non na saída do próximo Dakar dependerá dos patrocinadores e de que sigan

apostando polo proxecto. Sen o seu apoio é difícil. Haberá que falar con eles para saber se lles resultou rendible esta repercusión. A todos os patrocinadores, ao Concello, á Deputación e á Xunta agradézolles o gran apoio que me deron. Grazas a todos puiden estar en Arabia Saudita.