Eduardo Iglesias percorreu 7.800 quilómetros no Dakar

Luis Conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

JOSÉ MARIO DÍAS

19 ene 2020 . Actualizado ás 11:46 h.

O piloto monfortino Eduardo Iglesias chegará este domingo (20.00 horas) ao aeroporto de Alvedro, da Coruña. Despois de percorrer case 7.800 quilómetros neste Dakar 2020, o deportista local acabou satisfeito, xa que cumpriu o seu gran obxectivo, que non era outro que finalizar a proba de motor máis importante do mundo.

«Estou moi feliz, porque o obxectivo o cumprín, xa que buscaba acabalo. Foi ideal», sinala Iglesias .

O piloto recoñece que non se fixou moito na clasificación, á que non concede tanta importancia. «A primeira semana pasoume factura, porque foi máis dura do que pensaba. Eu prevía sufrir na segunda, pero non tanto na primeira entrega. Isto fixo que na segunda me fixase máis no día a día e non na clasificación, porque o que quería era acabala», sinala Eduardo Iglesias .

Á pregunta de se repetirá, o piloto é prudente. «Volver ao Dakar haberá que meditalo. Falarei cos patrocinadores haber que opcións hai, se merece a pena e se tivo moita repercusión. Agora, toca descansar», conclúe o monfortino.

Eduardo Iglesias acabou no top 100. Concluíu no posto 94 da clasificación xeral. Sabe que fixo historia, xa que foi o primeiro monfortino en competir nun Dakar.