A hospedería que se constrúe no mosteiro de Ferreira estará dispoñible para Semana Santa

f. a. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

El delegado territorial de la Xunta, José Manuel Balseiro, visitó en el 2018 la zona del monasterio destina a acoger la hospedería
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou no 2018 a zona do mosteiro destina a acoller a hospedería CEDIDA

17 ene 2020 . Actualizado ás 17:53 h.

A hospedería que está a ser construída no mosteiro das Bernardas de Ferreira de Pantón estará dispoñible para Semana Santa se se cumpren as previsións dos responsables das obras e do Concello, que calculan que os traballos quedarán concluídos entre finais de febreiro e principios de abril. O proxecto, financiado pola Xunta, dispón dun orzamento de 512.000 euros. O novo aloxamento turístico contará con catro cuartos dobres e dous individuais e será xestionado pola comunidade relixiosa que vive no convento.

O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, sinala que cando conclúa esta intervención se solicitará axuda á Xunta para levar a cabo outras melloras no mosteiro. Unha delas consistirá en rehabilitar a torre barroca do edificio e outra, en levar a cabo unha segunda fase da instalación da iluminación exterior. A primeira fase correu a cargo do Concello. O que falta agora por facer -apunta o rexedor- é iluminar a referida torre e a parte da igrexa románica anexa ao convento que dá cara á área de estacionamento de vehículos.

Retirada do cableado aéreo

Outra actuación que tamén está prevista consiste en retirar e soterrar o cableado eléctrico e telefónico que colga fronte á porta do recinto do mosteiro, a fin de mellorar o aspecto estético do conxunto monumental.

As obras que se executan actualmente no mosteiro comprenden a construción dun espazo expositivo na área de recepción da hospedería no que se exhibirán diversas pezas de arte relixiosa que agora se conservan en diferentes igrexas do municipio. Con iso, segundo o goberno local, garantirase a seguridade destes elementos e ofrecerase aos visitantes a oportunidade de coñecer directamente unha parte importante do patrimonio artístico local. Os responsables municipais xa adiantaron fai algún tempo que neste espazo está previsto expor un crucifixo románico de madeira que agora se garda no museo de arte sacra de Monforte. Esta peza, de excepcional valor, procede da igrexa de San Fiz de Cangas e foi cambiada de lugar hai máis de dúas décadas precisamente para evitar que fose roubada.

Coa intervención que se está realizando actualmente e coas que se prevé levar a cabo algo máis adiante, en opinión do alcalde, o mosteiro das Bernardas afianzará e mellorará a súa posición como referente do turismo cultural no municipio de Pantón e no conxunto da Ribeira Sacra. O convento de Ferreira -xunto co de Santa Clara de Monforte- é o único dos cenobios históricos de todo este territorio que segue estando habitado na actualidade por unha comunidade monástica, tras a desaparición do mosteiro benedictino de San Vicente do Pino , que foi transformado no 2003 no actual parador de Monforte.