Os tintos madrugan este ano máis que nunca en Ribeira Sacra

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O embotellado dispárase en Nadal pola óptima colleita e a demanda de viño

27 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Asoman ao mercado os primeiros viños de Ribeira Sacra da vendima máis recente, a maior nos trinta anos de historia da denominación de orixe. A oferta de brancos sitúase desde hai un tempo por baixo da demanda. Esta circunstancia explica, mellor que as características da súa elaboración, que sexan habitualmente máis madrugadores que os tintos á hora de saír á venda. Godellos como Meiga ou Viña Vella locen a estas alturas a contraetiqueta do 2019 nos andeis de tendas e vinotecas. Pero esta vez non son os únicos que teñen présas por situarse no mercado. Os mencías da última colleita tamén se apuntan á euforia consumista do Nadal.

A diferenza dos brancos, os tintos sen crianza adoitan pórse á venda nos primeiros meses do ano inmediatamente posterior á vendima. O calendario para a comercialización dos mencías ten bastante que ver coas características da colleita, que ás veces aconsella darlles algo máis tempo para que estean en condicións de ser degustados. Pero tamén se ve condicionado pola lei da oferta e a demanda: sen despachar o viño da vendima anterior mal pódese embotellar a seguinte. «Se quedas sen viño e estancho pedindo, hai que sacar a nova anada» sintetiza o enólogo Luis Buitrón.

Dúas das adegas que asesora Buitrón na subzona de Amandi, Proencia e Dominio de San Xiao, embotellaron tintos sen crianza do 2019 nos prolegómenos do Nadal. Antes de que caia a última folla do calendario, a lista de mencías da última colleita dispoñibles no mercado incrementarase significativamente. Á cata do consello regulador previa á Noiteboa presentáronse preto dunha vintena de mostras, para as que se solicitaban as correspondentes contraetiquetas. Salvo catro, todos eran mencías da colleita deste ano.

Sempre tivo os seus adeptos

Os integrantes do comité de cata deciden en última instancia se os viños están ou non en condicións de comercializarse coa contraetiqueta da denominación de orixe. O viño novo sempre tivo o seu público e na actualidade a tecnoloxía da que dispoñen as adegas e o asesoramento enológico contribúen a que poidan saír nestas datas cunha adecuada elaboración. «Cando a uva entra en moi boas condicións na adega, o viño faise moito antes», apuntaba o presidente do consello regulador, José Manuel Rodríguez, na colleita do 2015, outra das que resultaron especialmente madrugadoras.

A vendima deste ano non só destacou pola súa abundancia. Salvo algunha precipitación esporádica, as condicións da recollida foron moi boas e a uva chegou a setembro nun estado óptimo. Se o mercado ademais ten sede de viño novo, será unha anada redonda.