Róber non fichará polo Lemos

luís conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

A súa situación profesional impídelle incorporarse ao equpo esta tempada

08 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Se esfuma a opción A para reforzar o persoal do Club Lemos. Roberto Rodríguez Regueiro «Róber» non fichará polo equipo monfortino esta tempada. O centrocampista de 26 anos recoñece que tiña moita ilusión en competir no club do seu pobo, pero as circunstancias profesionais impídenllo.

«Non pode ser. Agora mesmo é inviable que poida incorporarme ao Lemos, porque non podo compaxinalo co meu traballo. Saio todos os días ás dez da noite e os venres teño que estar unha hora máis, o que impide que poida adestrar», sinala Rodríguez.

O interese do adestrador, Edu Rodríguez, no xogador monfortino xa vén de lonxe. De feito, tal e como admite o propio Róber, desde o verán están en contacto permanente. «Desde entón falamos unha ou dúas veces por semana, polo que Edu está ao tanto da miña situación. A finais desta semana tamén falei con Juan Rodríguez e con Campos para comunicarlles que non podía fichar», engade.

O centrocampista local está agradecido ao club monfortino o seu interese en fichalo. «Doulles as grazas por ter pensado en min para reforzar e axudar ao equipo nesta Preferente. O meu soño sempre foi xogar no Lemos, pero as circunstancias laborais priman», di o xogador, que leva dúas tempadas sen competir polo seu traballo.

As portas non se pechan definitivamente para o futbolista, xa que as dúas partes confían en que a medio prazo se dean as circunstancias para que poidan unir os seus camiños.

Un espectador asiduo

Róber é un asiduo nas bancadas do campo municipal da Pinguela. O futbolistas confía na permanencia do equipo na Preferente, unha categoría que define como a máis forte das últimas tempadas. Así mesmo, defende o estilo de Edu.

«Ao equipo véxoo ben. En Primeira Autonómica foron moi superiores, pero en Preferente a cousa iguálase, porque son moitos os xogadores de Segunda B que veñen competir aquí. Pero teño claro que esta tempada lles servirá de aprendizaxe e que ao final acabarán no medio da clasificación», indica Róber.

Polo que respecta ao estilo do equipo, o xogador é claro: «É un estilo perfectamente válido, porque os xogadores que ten o Lemos adáptanse perfectamente ao mesmo, e os resultados chegarán. Se optasen por outro estilo terán que adaptarse e iso levaría o seu tempo. É a filosofía idónea para este equipo nesta categoría», conclúe Róber.

O xogador seguirá acudindo ao fútbol como espectador para dar o seu apoio a Edu, co que mantén unha gran amizade, e ao equipo.

O persoal volve mañá ao traballo para preparar o partido ante o Noia

Mañá remátanse as minivacaciones para os futbolistas do Club Lemos. Ás nove menos cuarto están citados por Edu Rodríguez no campo Luis Adegas para realizar o primeiro adestramento da semana, con vistas ao partido da próxima xornada ante o Noia. Para este encontro, o preparador monfortino xa poderá dispor de Adrián Ramos e de Sergio Guitián.

Despois deste choque, o cadro monfortino recibirá no campo municipal da Pinguela ao CD Foz. Será o último partido de liga do ano neste escenario. Os monfortinos retomarán a competición a véspera de Reyes no campo da Cheda ante un rival directo pola permanencia, a Residencia. O último choque da primeira volta disputarano na Pinguela ante o Sofán o 12 de xaneiro, dous días despois da cea que celebra o club cada ano, na que se homenaxeará ao exsecretario, José González Pousa.

O obxectivo do adestrador é chegar ao final da primeira volta con 25 puntos. «Sabemos que non será doado, pero esa é a nosa meta. Para iso imos traballar nas vindeiras semanas e xornadas», sinala Edu Rodríguez.

Copa Deputación

Hoxe, ás seis da tarde, no campo Luis Adegas xógase a eliminatoria de copa entre o Lemos B e o Quiroga.