Os osos pardos xa hibernan na serra do Courel

Francisco Albo
francisco Albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Oso joven en los Ancares leoneses, una zona desde la que los animales acceden a las sierras lucenses
Oso novo nos Ancares leoneses, unha zona desde a que os animais acceden ás serras lucenses FUNDACION OSO PARDO

As observacións realizadas durante este ano indican que a presenza destes animais afiánzase na montaña lucense

06 dic 2019 . Actualizado ás 10:45 h.

A serra do Courel converteuse nun territorio de hibernación para o oso pardo, segundo as observacións que foron realizadas este ano sobre as poboacións desta especie no conxunto da área cantábrica. A Fundación Ouso Pardo (FOP) constatou a presenza dous machos que permaneceron neste territorio durante o pasado inverno -aínda que o feito non se deu a coñecer ata agora- e sinala que esta circunstancia corrobora que o proceso de recolonización da montaña lucense por esta especie segue avanzando de forma satisfactoria.

Guillermo Palomero, presidente da FOP, sinala doutra banda que o máis probable é que estes osos teñan estado refuxiados en covas da serra mentres hibernaban, aínda que por agora non se sabe cales poden ser esas cavidades. «Non vimos as oseras, pero detectamos a presenza dos animais, por excrementos e rastros de pelos, tanto no momento inmediatamente anterior ao comezo da época de hibernación como no momento inmediatamente posterior -explica-, polo que non temos dúbida de que permaneceron neste territorio todo o inverno».

Palomero di por outra banda que non se pode predicir o que sucederá durante o inverno que está a piques de comezar, pero confía en que neste período volva rexistrarse a presenza de osos hibernantes. A duración deste período de letargo pode variar dependendo de varios factores -como a dispoñibilidade de alimento-, pero nos exemplares adultos adoita durar entre un e dous meses. No territorio cantábrico, por outra banda, púidose comprobar que algúns osos poden pasar todo o inverno sen hibernar.

Novas exploracións

Os expertos da FOP agardan doutra banda que o ano próximo se sigan producindo na montaña lucense incursións de osos novos procedentes de Asturias ou León. Segundo o censo realizado durante este ano polos responsables ambientais das comunidades autonómas e a referida fundación -cuxo resultado foi dado a coñecer en datas recentes-, no conxunto da área cantábrica occidental hai actualmente 31 osas que crían un total de cincuenta osiños. Esta cifra, segundo apunta Palomero, indica que a poboación se mantivo estable durante os ultimos anos. «Nas áreas de cría máis próximas a Galicia, que están no Alto Sil e o Alto Narcea, hai agora un número importante de osiños, e cando os animais nados nestes núcleos reprodutores teñan crecido o suficiente, os machos novos farán percorridos de exploración nas áreas veciñas, entre os que está a montaña de Lugo», sinala. Nos últimos tempos, di así mesmo o presidente da FOP, tamén se observaron na provincia de Zamora e no norte de Portugal incursións de osos novos procedentes das referidas áreas de cría.

O inverno non é só o período de hibernación para os osos, senón tamén a época de cría. Os osiños nacen habitualmente en xaneiro e empezan a saír dos seus refuxios entre abril e maio.

O 2020, último ano do plan Life para a conservación da especie

O 2020 será o último no que se ejcute o plan Life para a conservación do oso pardo na serra do Courel que leva a cabo desde o 2017 por iniciativa da Fundación Ouso Pardo, a Asociación Galega de Custodia do Territorio e a Consellería de Medio Ambiente. Durante os próximos meses seguiranse levando a cabo as diferentes accións incluídas neste proxecto, que comprende a protección dos colmenares con pastores eléctricos, a realización de actividades divulgativas entre a poboación local e a creación de bosques de especies comestibles para os osos.

Unha parte destas accións, segundo indica Palomero, encárganse a empresas locais, como a preparación dos terreos para plantar árbores. Para realizar as plantacións se contrará a nove persoas desempregadas que residen nos municipios nos que executa o programa.

 

Plantacións para ofrecer alimento

A mediados deste mes está previsto preparar na serra do Courel os terreos onde se plantarán diversas árbores e arbustos co fin de ofrecer unha fonte de alimento ao oso pardo. Entre as especies que se plantarán figuran a cerdeira silvestre, o serbal dos cazadores -na imaxe da dereita- e o arraclán ou sanguiño. O 80% das plantacións faranse durante a primavera e o resto levará a cabo nos meses de outono do ano próximo