«Por detrás dun ser imaxinario encontrei un animal real»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Aitor Freán nunha visita ao monte de San Vicente do Pino, en Monforte
Aitor Freán nunha visita ao monte de San Vicente do Pino , en Monforte ROI FERNÁNDEZ

O historiador Aitor Freán, investigador das lendas da Ribeira Sacra, publicou un estudo que explica a orixe da antiga lenda do catoblepas, unha criatura fabulosa mencionada por autores romanos e gregos

27 novs 2019 . Actualizado ás 12:26 h.

O historiador sarriao Aitor Freán deuse a coñecer hai algún tempo no ámbito da Ribeira Sacra cun estudo sobre a lenda do antigo pobo dos Ibios, transmitida pola tradición oral en Sober. A revista histórica Hispania Antiqua acaba de publicar outro traballo seu no que se analiza un mito dun carácter moi diferente, que estivo estendido no antigo mundo grecorromano. Trátase do catoblepas, un animal fabuloso que podía matar coa vista ou co alento. Segundo a hipótese de Freán, detrás desta criatura imaxinaria houbo un animal real. O traballo titúlase O catoblepas na antigüidade: fantasía ou realidade?

-Por que se interesou por investigar este mito?

-Ando sempre a estudar os mitos antigos, e o do catoblepas chamoume a atención porque ata agora non se lle encontrara unha explicación que fose admitida pola maioría dos investigadores. É unha figura moito menos coñecida que outras criaturas mitolóxicas da antigüidade, como o unicornio ou a ave fénix, pero foi mencionado por varios autores clásicos, como Plinio, Eliano, Pomponio Mela ou Alexandre de Mindo. Desde a Idade Media ata a época contemporánea tamén falaron deste animal autores como Leonardo da Vinci, Gustave Flaubert e Jorge Luis Borges. Segundo a tradición, o catoblepas era unha besta similar a un touro ou un búfalo que tiña unha cabeza moi grande e pesada, e que estaba sempre a mirar para o chan. Cando levantaba a cabeza para mirar a alguén podía causarlle unha morte súbita. Os autores antigos sitúan a presenza deste animal na contorna das fontes do Nilo. Todo indica que o mito chegou a Grecia e Roma a través de Exipto.

-Cal é súa explicación sobre a orixe da crenza neste animal?

-Algúns estudos identificaron este criatura mítica co ñu, pero esa hipótese non estaba totalmente aceptada. Eu concordo con esa teoría, pero na miña investigación, ademais de sinalar o animal real que hai por detrás dese animal imaxinario, explico de onde puido xurdir a crenza nos poderes mortíferos desa criatura. Hai estudos científicos que demostran que os ñus, e sobre todo as súas crías, poden ser portadores dunha enfermidade vírica chamada febre catarral maligna. Ese virus transmítese a outras especies a través do aire e causa síntomas como febres repentinas e persistentes, necroses nas mucosas, convulsións, diarreas, úlceras e a miúdo mortes súbitas. Os antigos gregos e romanos puideron ter algunhas noticias dos ñus e dos efectos desta enfermidade que transmiten, pero esas informacións chegaron a eles convertidas nun mito.

-Cre que a súa teoría será ben recibida entre os especialistas?

-O traballo tivo unha boa recepción cando se lle fixo unha revisión por partes antes de ser publicado na revista Hispania Antiqua. Os comentarios que fixeron os expertos foron favorables, e non tardaron máis de dez días en autorizar a súa publicación, sen facerlle ningunha corrección. Para publicar outros traballos de investigación, en cambio, tiven que revisar ou modificar algunhas partes.

-Ten en proxecto algún novo estudo histórico relacionado coa Ribeira Sacra?

-Agora estou preparando un estudo sobre a presenza da relixión romana no territorios do curso medio do Miño, que se publicará o ano que vén na revista Alicerces, editada en Chantada.