A primeira mención ao viñedo na Ribeira Sacra é do século IX

Luis Díaz
Luis Díaz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

23 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O mapa dos viñedos máis afamados da Ribeira Sacra na Idade Media non difería demasiado do que poida debuxarse na actualidade. Naquela época, os mosteiros abastecíanse en Amandi, Doade, Vilachá de Salvadur ou Sacardebois. O medievalista Víctor Rodríguez Muñiz falou este venres das referencias a estes pagamentos nesa época histórica nunha charla que tivo como escenario o Pazo de Tor. A conferencia, organizada en colaboración co consello regulador da denominación de orixe, é unha das incluídas no ciclo divulgativo que promove o Mueso do Viño de Galicia, con sede en Ribadavia.

Rodríguez Muñiz indicou que a primeira mención ao viño na Ribeira Sacra é das máis temperás de Galicia. Data do ano 876, cando -segundo detallou na súa intervención- varios fieis doan ao mosteiro ourensán de Santa Cristina unhas viñas da comarca de Lemos. Eses viñedos estaban situados, concretamente, en Barantes e Bolmente, e foron cedidos a cambio de que se oficiasen misas polo «descanso eterno» dos que foran os seus propietarios.

O conferenciante explicou que na época medieval a igrexa, como principal propietaria de terreos agrícolas, impulsou o cultivo do viñedo neste territorio. As anotacións sobre viñedos e as súas capacidades, de acordo coas súas investigacións, xeneralízanse a partir do século XIII. Aínda que no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil non hai mencións ao viño ou o viñedo ata 1370, no resto dos centros relixiosos da Ribeira Sacra existen alusións con anterioridade.