O canón do Sil cruza o centro de París

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

P. RODRÍGUEZ

A imaxe de referencia da Ribeira Sacra ambientou desde nun gran mosaico uno dos principais salóns de viños da capital francesa

11 novs 2019 . Actualizado ás 17:23 h.

Singuliers reúne cada ano en París a adegas de distintas procedencias emparentadas por situarse nas antípodas do viño do súper. Elaboradores que pisan as viñas e saben que delas non debe saír o mesmo cada colleita. Os franceses eran maioría no salón que se celebrou a primeira fin de semana de novembro, polo que desfilaron oitocentos profesionais do sector en busca de novidades. De 71 expositores, 62 viñan de Alsacia, Bordeus, Borgoña, Champaña, Provenza, Loira e Ródano. Xunto a eles asomaban dous adegueiros da Ribeira Sacra que viron desvanecerse o tópico do chovinismo galo. Todo viraba alí ao redor dun gran mural cunha imaxe do canón do Sil sacada de Google Maps.

Aos espazos de Singuliers reservados ás adegas accédese por invitación. Se son doutros países, a orixinalidade do produto non basta. Tamén deben dispor de distribución en Francia, un mercado que non parece precisamente doado para o viño foráneo. «Vender en Borgoña ou en Bordeus é complicado, pero en París tes opcións. A restauración do País Vasco francés tamén é un cliente interesante», explica Pedro Rodríguez, de Adega Guímaro, un dos participantes no salón que organiza a axencia especializada Vinhop.

Singuliers busca sempre escenarios con certo encanto. Este ano o salón desenvolveuse no Pavillon de l'Arsenal, un centro de información, documentación e exposición sobre o urbanismo e a arquitectura situado en pleno corazón de París. O edificio consta de tres pisos e acolle habitualmente exposicións, conferencias e coloquios. Un gran mosaico, a disposición deste tipo de eventos, ocupa a parte central da planta baixa. Mentres durou o salón de viños, estivo acaparado por unha imaxe de satélite do canón do Sil.

A Pedro Rodríguez tocoulle en sorte a planta baixa e tardou en decatarse de que o público que se interesaba polo mosaico situado na parte central podería estar a observar as súas viñas. «Desde o lateral no que estaba non podía ver ben a imaxe do panel sen achegarme. Tampouco o agardaba. Curro [Bareño] estaba na segunda planta e deuse conta enseguida. Foi o que me avisou», di o adegueiro.

Curro Bareño é un dos socios de Fedellos do Couto, adega situada na Abeleda, na parte ourensá da Ribeira Sacra, aínda que actualmente elabora os seus viños á marxe da denominación de orixe. A elección da imaxe do canón do Sil, na súa opinión, vai máis aló do atractivo paisaxístico. Ten que ver tamén coas condicións da zona para elaborar viños que encaixan coa filosofía do salón francés.

Diferentes a outras zonas

«Por Singuliers pasa xente dun nivel moi alto. Algún coñecía todas as anadas de Fedellos e nin eu sería capaz de describilas con tanto detalle. En Francia asóciase o viño español con moita madeira, extracción e exceso de sol. Cando catan outras cousas, máis lixeiras e con acidez, sorpréndense. Un catador que probou os nosos viños dixo que lle encantaban porque eran moi dixestivos», apunta Bareño.

Fedellos do Couto está a entrar nas cartas de restaurantes de Lyon e da zona do Xura, famosa polos seus viños de trousseau, a mesma variedade que se cultiva na Ribeira Sacra co nome de merenzao. A adega ourensá elabora con ela un tinto monovarietal coa etiqueta Bastarda, que é como se coñece no norte de Portugal.

A Adega Guímaro tampouco lle vai mal en Francia. Ten dous distribuidores e vende xa ao redor de dous miles botellas ao ano, maioritariamente tintos de leira. «Meixemán gustoulle moito a Paz Levinson», presume Pedro Rodríguez. Ela é a catadora do restaurante parisiense Anne-Sophie Pic, un tres estrelas Michelin en cuxa carta a Ribeira Sacra se relaciona coa elite do viño.