O consorcio de turismo prepárase para facerse máis grande

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Los integrantes del consejo rector del consorcio de turismo de la Ribeira Sacra, tras la reunión de renovación de cargos que se celebró en Sober
Os integrantes do consello reitor do consorcio de turismo da Ribeira Sacra, tras a reunión de renovación de cargos que se celebrou en Sober CEDIDA

En marcha a creación de tres comisións internas que farán máis áxil a súa xestión

04 novs 2019 . Actualizado ás 11:37 h.

O procedemento para conseguir que a Unesco declare á Ribeira Sacra patrimonio da humanidade estalle sumando responsabilidades ao consorcio de turismo formado polos vinte e un municipios desta área xeográfica. Fundado no 2005 co obxectivo de idear e aplicar accións de dinamización turística deste territorio, nos últimos tempos ha ir asumindo outras que teñen que ver co impulso desta candidatura ante a Unesco. E aínda asumirá máis. O pleno do consorcio aprobou na súa reunión desta semana en Monforte un cambio interno que pretende adaptar o consorcio ao traballo novo que xa ten e preparalo para o que está por vir.

A estrutura actual do consorcio é moi simple. Dispón dunha presidencia, unha vicepresidencia e un consello reitor, formado por un representante de cada un dos municipios, outro da denominación de orixe Ribeira Sacra e un máis da asociación de casas de turismo rural da zona. O consello reitor reúnese en pleno cada vez que o convoca a presidencia. E o seu persoal actual está formada por dúas persoas a soldo como xerente e secretaria, a primeira con funcións organizativas e a segunda con responsabilidades de asesoramento legal.

Xestionar o ARI

A Xunta proponse presentar antes de que remate este ano o plan Ribeira Sacra, un programa de actuacións con asignación orzamentaria incluída que é preciso para que a Unesco tome en conta a candidatura a patrimonio da humanidade. Entre estas actuacións está a transformación en área de rehabilitación integral (ARI) do territorio completo dos vinte e un municipios do geodestino turístico da Ribeira Sacra. O presidente do consorcio, Luis Fernández Guitián, precisou nunha entrevista publicada por este diario tras a súa recente reelección a cargo de esta asociación de municipios que o consorcio non será quen xestione directamente os investimentos en rehabilitación de vivendas que facilitará a nova zona ARI. Iso farao a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pero Guitián si admite que o consorcio terá que exercer de coordinador, de acordo con Patrimonio Cultural.

Luis Fernández Guitián xa anunciou tras a súa reelección que o funcionamento interno do consorcio ten que facerse máis dinámico para adaptarse a estes novos retos. Nun principio, el propuña a creación de dúas comisións internas ou grupos de traballo que se reunisen con máis frecuencia que o pleno, unha para encargarse de labores de xestión e a outra para a dinamización turística e organización de actividades. Na súa reunión desta semana en Monforte, o consello reitor decidiu crealas, pero finalmente non serán dous, senón tres: unha de xestión e réxime interior, outra de coordinación institucional e unha terceira de dinamización e programación.

As peticións de máis fondos

A de réxime interior terá entre as súas competencias todo o relacionado cos orzamentos, o persoal, os estatutos ou as posibles incorporacións de novos municipios. Á de coordinación corresponderalle organizar as solicitudes de colaboración a organismos públicos e empresas. E a de dinamización levará a programación de actividades.

En canto á composición de cada unha delas, o consello reitor decidiu que cada un dos seus integrantes poderá incorporarse á que prefira, pero só a unha. Aos que estean na de coordinación corresponderalle afrontar directamente un dos retos do consorcio para os próximos meses, a consecución de máis fondos da Xunta e as deputacións de Ourense e Lugo. Os responsables do consorcio están de acordo en que lles fai falta máis persoal e máis diñeiro para facer fronte aos retos que se lles presentan no futuro inmediato.

Aprobado un incremento do 2,4% nos seus prespuestos para este ano

Os xestores do consorcio de turismo sacaron adiante no pleno que se celebrou hai uns días a súa proposta de orzamentos para este ano. No 2019, esta asociación de municipios dispón dun orzamento de 218.149 euros, o que supón un incremento dun 2,4% con respecto ao do ano 2018.

O financiamento do consorcio de turismo da Ribeira Sacra provén de diferentes vías. Por unha banda, pagan os concellos. Cada un dos municipios que forman parte achega unha cantidade equivalante a un euro por cada un dos habitantes que ten empadroados. Ademais, as deputacións de Ourense e Lugo entregan anualmente 25.000 euros cada unha. A terceira vía de financiamento é a que proporciona a Xunta, pero neste caso non hai un fixo anual, senón que a cantidade final depende da dotación económica que teñan os convenios que asina o consorcio con Turismo de Galicia, que son sempre para financiar actividades concretas e previamente definidas. Os responsables do consorcio agardan poder entrevistarse proximamente con responsables da Xunta as deputacións para tratar de conseguir máis fondos.

Plenos rotatorios

Hai anos que os plenos do consello reitor do consorcio non se celebran unicamente no municipio do que é alcalde o presidente. Na súa reunión desta semana en Monforte, o pleno decidiu aplicar un método a esta itinerancia. Se a Xunta autorizac este cambio, os plenos irán rotando a partir de agora polos diferentes municipios por orde alfabética.